Exposición: O segundo caderno de Bueu
Case unha trintena de artistas exporán a partir deste venres unha serie de traballos homenaxe a Maruja Mallo en Bueu. A mostra é o produto da ruta artística organizada en maio deste ano para tratar de revivir a experiencia da autora viveirense durante a súa estadía en Bueu no verán de 1936.
Maruja Mallo, que forma parte da xeración do 27 e a vangarda interior española, viviu o golpe militar do 36 en Bueu. Atopábase na vila do Morrazo xunto co sindicalista Alberto Fernández “Mezquita” nas súas vacacións de verán. Froito desa breve pero intensa experiencia bueuesa, a artista galega publicou o seu “Cuaderno de Bueu”, que serviu de influencia a toda a súa obra posterior.
A mostra, que leva o lema de “Segundo Caderno de Bueu”, será inaugurada este venres ás 20:30 horas na sala de exposicións Amalia Domínguez Búa. As creacións que se poderán ver ata o 3 de setembro, recollen os debuxos, ilustracións e textos nacidos tras a ruta artística organizada polo Concello de Bueu o 14 de maio, e comandada polos pintores Antón Sobral e Nanda Cabaleiro.
A mostra poderá visitarse de luns a domingo de 11:00 a 15:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas na Sala de Exposicións Amalia Domínguez.