Noticias de Hoy
PEQUEFILMES 640x360
Fecha: 23/01/2021

Volve o Pequefilmes

23, 24, 30 e 31 de xaneiro de 2021 no Centro de Innovación Cultural

Volve un ano máis ao  Gaiás o festival de cinema que a cativada da casa levaba un ano esperando!  Pequefilmes regresa en xaneiro de 2021 con dúas #fin# de semana de proxeccións que sorprenderán e emocionarán a un público pequeno en tamaño pero grande en esixencias. Durante os días 23, 24, 30 e 31 de xaneiro de 2021, o Museo Centro  Gaiás converterase de novo nun acolledor cinema onde gozar de medio cento de curtas internacionais de 19 países de todo o mundo. O programa de  Pequefilmes 2021 ofrecerá unha emocionante e amplísima antoloxía das mellores producións internacionais actuais para a cativada, todas elas estreadas nos dous últimos anos e moitas premiadas ou seleccionadas nos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo (como  Annecy,  Clermont- Ferrand, Chicago  ICFF,  Animamundi,  Animafest ou  Dresdner  Kinderfilfest). A programación desta quinta edición de Pequefilmes  recollerá o máis destacado da produción internacional actual dedicada ao público miúdo, consolidándose como unha oportunidade para que os máis novos da casa vexan pezas audiovisuais de gran calidade que, en moitas ocasións, quedan fóra do seu alcance ao non atoparse nos circuítos de exhibición máis convencionais. Serán un total de oito sesións, en catro xornadas, nas que se proxectarán curtametraxes dunha pluralidade de temas, puntos de vista e historias, incidindo en numerosos aspectos sociais e éticos sen perder de vista nunca o divertimento, e adaptadas aos diferentes intereses e gustos dos máis pequenos da casa.