Noticias de Hoy
Foto 1 ninos
Fecha: 26/06/2017 a 30/06/2017
Horario: 01:00 a 01:00

II Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía

II Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía

Do luns 26 ao venres 30 a Universidade de Santiago acolle a segunda edición do Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía, evento que “representa un paso histórico na análise do fútbol, do seus protagonistas e do seu entorno dende unha perspectiva científica, racional e universitaria”. Con estas palabras o coordinador do congreso, o profesor Constantino Arce, destacou a transcendencia do encontro, “unha idea innovadora da USC e a Federación Galega de Fútbol”, que ademais posúe carácter pioneiro xa que “non temos constancia de que existan antecedentes dunha acción formativa semellante realizada de maneira conxunta e coordinada entre unha universidade e unha federación de fútbol”.

 

Os debates comezarán no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía a partir das 10.30 horas cunha sesión dedicada a ‘Psicoloxía e rendemento’ á que seguirá outra dedicada á violencia no fútbol. A primeira xornada completarase cunha mesa de xestores deportivos.

 

A inauguración oficial do congreso celebrarase ese mesmo luns, ás 18.30 horas no Colexio de Fonseca, nun acto no que intervirán o reitor Juan Viaño; a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez; o profesor Constantino Arce, presidente do comité organizador; Madó González, do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán Abal.

 

O segundo Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía pretende facer transferencia directa de coñecemento da universidade ao entorno do fútbol co ánimo de axudar a mellorar os niveis de rendemento, de benestar e satisfacción dos adestradores, xogadores, equipos directivos, arbitrais e familias. Para acadar os seus obxectivos exporanse preto dun cento de relatorios, 22 pósteres e 20 obradoiros. En total, acudirán a Santiago expertos, investigadores e profesionais de nove países (España, Portugal, Arxentina, Colombia, Perú, Brasil, México, Estados Unidos e Cabo Verde), e estarán representadas 36 universidades e 35 clubs de fútbol.

 

No desenvolvemento das distintas actividades programadas colaboran numerosos clubs e entidades públicas e privadas. Entre os clubs acudirán representantes do Deportivo da Coruña, Celta de Vigo, Lugo, Compostela ou do Real Madrid. Por parte das asociacións profesionais, integrantes do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e do Consello Xeral da Psicoloxía de España, entre outros, así como unha representación das catro deputacións galegas e do Concello de Santiago.

 

O programa está construído arredor de relatorios, mesas redondas, sesións de pósteres e obradoiros prácticos. As primeiras estarán protagonizadas por profesorado universidade así como por profesionais de numerosos equipos da elite do fútbol, entre os que figuran o Deportivo, Celta, Real Madrid, Atlético de Madrid, Valencia, Sevilla, River Plate ou Estudiantes de la Plata.

 

No caso das mesas redondas están previstas varias específicas para adestradores, xogadores, unha de directivos, outra de árbitros, unha de xestores e unha específica sobre violencia no fútbol. Neste capítulo destaca a presenza do presidente do Deportivo da Coruña, Tino Fernández; do máximo directivo do Lugo, Tino Saqués; do ex árbitro internacional, Bernardino González; do árbitro de primeira división, Nacho Iglesias; do presidente do Comité Galego de Xustiza Deportiva, Nacho Iglesias; ou da xornalista de El Pais, Eleonora Giovio. Está prevista tamén unha importante representación de adestradores e xogadores.

 

Ademais das sesións de pósteres para a presentación de comunicacións escritas sobre paneis que permanecerán expostas durante todo o congreso, os talleres prácticos presentarán os últimos avances sobre fútbol e psicoloxía aplicada a este deporte.