Exposición en Santiago de Compostela: Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido.
O 20 de marzo é o Día da Felicidade e tamén a data seleccionada por FEGADACE para inaugurar a exposición fotográfica ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’. O acto vai ter lugar ás 19:00 na Sala de Exposicións Campus Stellae (Praza da Quintana, 3 - Santiago de Compostela). Na mostra, as asociacións e as persoas con dano cerebral abren as súas portas, amosando que o DCA non é un punto final. Que é un ‘Punto e Seguido’ para unha nova vida.
Ademais das fotografías, na inauguración poderá verse por primeira vez a curtametraxe de igual título que a Federación elaborou con testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das asociacións de DCA. Unha das persoas que aparecen no vídeo explicando a súa experiencia con esta discapacidade, Marco Pérez, participará no acto de mañá. Estará acompañado polo presidente de FEGADACE, Luciano Fernández; o presidente da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela, José Balboa; a Deputada de Benestar Social da Deputación da Coruña, Ánxela Franco; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; e o fotógrafo autor das imaxes, Aigi Boga.
FEGADACE quixo facer coincidir a inauguración da mostra co Día da Felicidade, pois este é un sentimento directamente vinculado coa calidade de vida, que é a principal preocupación das asociacións de DCA en canto ás súas persoas usuarias. Ao longo da curtametraxe e da colección de imaxes pódese comprobar como as persoas con dano cerebral exercitan os seus dereitos de participación social, autonomía e convivencia, garantes dunha calidade de vida que é condición para a plena satisfacción persoal, ou sexa, para a felicidade.
Curtametraxe e exposición ‘Punto e seguido’
A Federación e as asociacións galegas de dano cerebral queren achegar á cidadanía a realidade das persoas e familias con dano cerebral adquirido (DCA). Por iso crearon a curtametraxe e a mostra ‘Punto e seguido’.
A colección de imaxes, do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizouse nas cinco asociacións membro de FEGADACE. Están protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO (A Coruña), ADACE Lugo, Alento (Vigo), Renacer (Ourense) e Sarela (Compostela), que amosan o seu día a día, as actividades que desenvolven, os ratos de descanso, a convivencia... en definitiva, a vida despois do punto e seguido que constitúen un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
O vídeo, creado por Edición Rusa, conta con diferentes testemuños de persoas con DCA, familiares e profesionais das asociacións. Xuntos crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral adquirido: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas... Ambos os dous materiais foron elaborados co apoio da Deputación da Coruña.
Para a exposición contouse, ademais, coa colaboración da Fundación La Caixa. ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ poderá visitarse ata o 30 de abril, de 9:00 a 20:00, na sala Campus Stellae. A continuación iniciará un percorrido que a levará, ao longo de 2018, ás cidades da Coruña, Ourense, Vigo e Lugo. Proximamente iranse anunciando as datas e salas nas que se poderá visitar.