8º Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas 2013

Fecha 14-03-2014 a 3-08-2014
Lugar
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

8º-Premio-Auditorio-de-Galicia-para-Novos-Artistas-2013

8º Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas 2013

O percorrido da exposición ofrece dúas visións onde a nova arte se desenvolve: por un lado os artistas que utilizan a tradición para elevala á contemporaneidade e por outro os que se serven dos movementos artísticos que se foron creando desde os anos 60, pero esta vez cunha nova mirada, que renova e reformula a obra de arte: o Minimalismo, a Arte Povera, o Body Art ou a Arte Conceptual son exemplos que encontraremos nestas novas pezas artísticas.

Fruela Alonso Blanco (Laviana, Asturias, 1974). Sen título: a peza forma parte dunha serie onde o artista elabora a súas composicións pictóricas a partir de imaxes tomadas por el mesmo ou fotografías de xornais e revistas. Todas as series teñen que ver coas variacións que van xurdindo dun mesmo tema.

Ana Amado (Ferrol, A Coruña, 1975). Tecido cicatrizal: a obra está composta por unha imaxe dun tecido orgánico que, a través da presenza do fío, se une e cicatriza. A artista quere reflectir o aspecto positivo da transformación que ocorre tras un gran cambio, aínda que fose doloroso.

Carla Andrade (Vigo, Pontevedra, 1983). Bocanoite: a obra, en formato audiovisual, utiliza a imaxe da auga dun lago como materia que vai cambiando as súas cores a medida que avanza o tempo. Desta forma a fugacidade do tempo está presente na obra, un fenómeno dinámico nun medio estático que é o medio artístico.

Misha Bies Golas (Lalín, Pontevedra, 1977). : trátase de follas soltas dun manual para exercicios físicos que, ao ter luz de neón detrás, revelan as imaxes que teñen na súa cara oculta, creando así un xogo de formas superpostas que nos falan sobre a representación do movemento. A súa estética recorda a utilización das luces de neon dos artistas minimalistas, pero, neste caso, a presenza destes materiais é puramente funcional.

María Castellanos (Xixón, Asturias, 1985). Imaxe Virtual: propón un xogo de percepción co espectador. A peza é un espello no que o reflexo de quen o mira é intervido a través duns motivos que se debuxan sobre el. A obra maquilla ao público que a observa, de modo que se oculta a súa identidade. SEGUNDO PREMIO

Samuel Castro (A Coruña, 1981). Periferias: Samuel reflicte a paisaxe nocturna galega, traballa a elaboración de farolas a partir de leds e tamén o estudo da vexetación baixo esta luz. Os elementos típicos da periferia galega concéntranse na obra confeccionada con tres escalas de representación, creando así certo ilusionismo no espazo.

David Catá (Viveiro, Lugo, 1988). Cicatrices abiertas: proxecto/performance composto por un vídeo e dúas fotografías que abordan o drama da Guerra Civil española a través das memorias da avoa do artista, Lolina. O sufrimento da súa avoa é recibido polo artista que, a través do seu corpo, pretende manifestar eses sentimentos cosendo escenas desas lembranzas na súa pel. Vemos a influencia do Body Art como lenzo e campo de traballo.

Rosendo Cid (Ourense, 1974). Teorías do Odradek: A partir do relato de Franz Kafka “As preocupacións dun pai de familia” no que aparece un obxecto tosco chamado Odradek e que ten unha vida propia desviada do mundo, o artista pretende darlle unha certa utilidade artística a obxectos en aparencia inservibles.

Marcos Covelo/M8k8 (Vigo, Pontevedra, 1985). SHUT UP!: Marcos Covelo pon en relación nesta obra os conceptos de apropiación, posprodución e expansión, que, fóra do ámbito académico, o artista cualifica de violencia, poder e estupidez. A obra pictórica fálanos dos medios de comunicación, dos mass-media como fontes insaciables de críticas e elementos formais, e aínda que os cuestionamos, non poderiamos vivir sen eles.

Miguel Cuba. (Lugo, 1982). Se o Coliseo caese… fainos reflexionar sobre a apropiación dos grandes iconos da cultura por parte da industria publicitaria e turística da sociedade capitalista. O artista expón a pregunta de que ata que punto é lícito utilizar o patrimonio cultural como aproveitamento publicitario das grandes empresas que os patrocinan.

Olmo Cuña (Vigo, Pontevedra, 1983). Sen título (Periódicos): Olmo cobre a superficie de varios xornais co seu lapis, de forma que a tinta oculta a información ao mesmo tempo que reflicte a luz: cubrir, encubrir, ocultar, reflectir, reservar, tapar, revelar, enmascarar, camuflar e negar son algúns dos conceptos que a obra expón.

Luis Díaz Díaz (A Coruña, 1978). La música no se toca: a obra aborda a cuestión da capacidade de controlar a libre distribución dos contidos culturais dixitais e, polo tanto, a noción mesma da piratería.

Itziar Ezquieta (A Coruña, 1975). A horas: Itziar mestura a cor e o fluír das pinceladas. O lenzo é coma un caderno de notas onde cada figura ten un tempo, cada colocación un significado e cada relación posible un diálogo ou monólogo aberto á propia mirada do observador.

Tamara Feijoo (Ourense, 1982). O turbulento plan do infinito: Para Tamara a natureza é un ente vivo e fascinante. Un punto de vista romántico no que a natureza se amosa fermosa ao mesmo tempo que nos aterra. Aquí os elementos vexetais e animais son protagonistas.

Alba Fernández Troiteiro (Soutomaior, Pontevedra, 1988). O Balleturbio: Alba presenta nesta instalación nove representacións de posibles monstros ou belezas mitolóxicas. Trata o corpo femenino como taboleiro de xogo nun torneo de contrarios, busca o equilibrio conceptual: grotesco/estético, artificial/natural, san/enfermo, completo/incompleto, masculino/feminino…

Basilisa Fiestras (Forcarei, Pontevedra, 1985). 20: Unha proposta, a de Basilisa, que destaca polo seu carácter efémero, xa que está peza está feita con doces, que agradan e estimulan o olfacto e o gusto. As formas que a artista adoita usar son de carácter ornamental, pero neste caso atopamos unha combinación de trazos que fan referencia ao mundo feminino.

Marta Fortes (Pontevedra, 1980). 30 de marzo de 1994: Unha data concreta, unha paisaxe, resultado das viaxes realizadas por Marta Fortes a carón do mar. Busca a representación de arquitecturas efémeras que destacan fronte unha paisaxe melancólica que, xogando coa gran presenza do branco, fan partícipe ao espectador da ausencia que emana da concentración e aillamento da figura feminina.

Héctor Francesch (A Coruña, 1977). Nothing II: A ‘nada’ fala de varias cousas á vez: Héctor Francesh pon ao espectador ante a crise creativa do artista cando afronta un traballo, a dura situación na que se encontra a cultura no noso país e a minusvaloración do traballo que desenvolven os axentes participantes coa falta de axudas para que se leven a cabo proxectos artísticos.

Iván Franco Fraga (Cortegada, Ourense, 1979). Container #: a obra fotográfica, entendida como obra de arte, constrúe e destrúe ao mesmo tempo toda visión da realidade, pois, do mesmo xeito que nos mostra, quítanos do que vemos. O produto desta ferramenta é unha imaxe creada para usurpar precisamente o que representa como real.

Christian García Bello (A Coruña, 1986). A distancia cansada, a ameaza velada trata de enfrontar ao individuo coa paisaxe, formada a partir da súa mirada. Nesta peza o artista volve a utilizar a súa propia escala como medida xeral: o límite superior da instalación coincide coa súa altura e o debuxo da parella sitúase á altura dos ollos do artista. O coitelo repousa á altura na que o empuñaría e sinala un percorrido que acaba golpeando unha garganta (…) a madeira carbonizada forma parte da paisaxe galega e garda relación co ritual funerario.

Ignacio García Gómez del Valle (Puerto de la Cruz, Santa Cruz de Tenerife, 1978). Ochomiles designa as catorce montañas das cordilleiras do Himalaia e do Karakorum que alcanzan máis de 8.000 metros de altitude sobre o nivel do mar. O artista reproduce con puré de pataca eses catorce oitomiles creando así unha serie fotográfica sobre soporte de diapositivas.

Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979). O delirio da pega forma parte dunha serie chamada ‘Vivencias dunha pega’, na que se conta unha historia de fascinación e sedución a partir dun obxecto de luxo, unha lámpada, e da atracción polo brillo e os resplandecentes sinais dos seus cristais ou dos dourados. O suxeito está completamente absorto no seu delirar, lámpada e suxeito irradian luz e cor.

Rita Gutiérrez (Ferrol, A Coruña, 1990). Santiago, Maipo, Atacama: Unha selección de dezasete fotografías realizadas durante a estancia da artista en Chile en agosto de 2013. A obra ten un claro compoñente documental onde se o ollo da artista fai un percorrido visual que pon de manifesto as diferentes condicións de vida dos cidadáns nestas localidades.

Enrique Lista (Malpica de Bergantiños, A Coruña, 1977). Pequeno exercicio antropolóxico (déjà vu): Enrique Lista transcribe dous fragmentos dunha gravación magnetofónica realizada en torno ao ano 1983 nun domicilio de Malpica de Bergantiños. A fonte documental e as transcricións dos fragmentos preséntanse nun soporte unitario para a súa exhibición. Con este exercicio faise evidente a identificación da localización e iso provoca no artista sensación de déjà vu.

Beatriz Lobo (Vigo, Pontevedra, 1985). The Joy of Painting (O gozo de pintar): A instalación de Beatríz Lobo fai referencia ao célebre curso de pintura por fascículos dirixido por Bob Ross ‘The Joy of Painting’. Coa súa obra pretende satirizar a idea do pintor de domingo enfrontada ao duro traballo do artista.

Carlos Maciá (Lugo, 1977). Sen título (peza ST. nº. 55 da serie Markers + cadeira/estudo): A serie Markers consiste nunhas pranchas de aluminio lacadas industrialmente que Maciá dobra, engurra e prega coa propia forza do seu corpo para conformar unhas estruturas, xa tridimensionais, que pinta a posteriori por medio de marcadores e rotuladores industriais. Conxuga unha peza de “Markers” cunha cadeira do seu estudo en Madrid. O encontro entre peza e cadeira é froito dos estudos do artista para unha exposición realizada en 2013 no Pavillón Suisse de Le Corbusier.

Jesús Madriñán (Santiago de Compostela, A Coruña, 1984). Sen título (Melón), da serie A vida suspendida forma parte dunha colección de naturezas mortas que desafía o concepto clásico do bodegón ao rexistrar a contorna persoal do autor dende un punto de vista experimental. O propio proceso creativo é o tema central da obra onde o tempo se fai tamén presente. ACCÉSIT

Manuel Mas M-C (Elxe, Alacante, 1974). Tanatografía: Un xogo de infancia da pe ao artista para realizar unha peza que representa a liña da morte e a liña da vida, configurando unha mirada cara á vida partindo da morte. Reminiscencias infantis que se creban cando o espectador se decata do verdadeiro xogo que propón o artista, o paso deo tempo e da vida que remata.

Joan Morera (Vigo, Pontevedra, 1984). The Spanish Earth IV: Joan Morera achégase á paisaxe a través da lexislación española publicada no BOE sobre a ordenación do territorio durante os últimos anos. Ponse en escena a concepción da paisaxe ligada á transformación do territorio que supuxo a liberación do solo que conduciu á formación da burbulla inmobiliaria española. Unha peza interactiva que invita ao espectador ao uso das gafas anaglíficas.

José Manuel Mouriño (Puebla, México, 1978). Análise morfolóxica do minuto de emisión máis visto na historia da televisión en España (ata o ano 2012): 14 follas de papel que recollen o resultado dun exercicio de escrita con pluma estilográfica que analiza morfoloxicamente as características enunciativas do minuto de televisión máis visto na historia de España, un evento deportivo, representado a través da textura da escrita oculta. Recóllese a transcrición do escrito a partir dun procesador de textos informático para que poida ser lido sen trabas “caligráficas”.

Joseba Muruzábal (Cambre, A Coruña, 1984). Esplendor na herba (da serie ‘Meus amigos e seus cans’): Joseba Muruzabal representa a súa contorna maís cercana: por un lado a través da posición dos personaxes, nunha paisaxe urbana na que se nos amosa con dureza a dura situación de desemprego e da crise económica , que solo se mitiga pola presenza dos amigos, a amizade compartida nunha escena coma é a escaleira que lle recorda a momentos da súa infancia.

Arantza Pardo (A Coruña, 1991). Estudo do caos pretende unir as escolas abstractas Xeométrica e Orgánica coa Figurativa para xerar novas imaxes, volvéndose así cada obra un estudo, unha procura do pensamento pictórico. Unhas obras manieristas e híbridas a varios niveis, con tantos elementos que o espectador pódase perder mirándoas como nun labirinto abstracto.

Sheila Pazos (Xenebra, Suíza, 1986). Paisaxe para levar (e non esquecer) é unha nova maneira de enfrontarse ao xénero da paisaxe, abordándoa dende o punto de vista da representación a escala. Unha nova maneira de enfrontarse ao xénero da paisaxe ao convertelo en chapeu en forma de maqueta, de modo que o representado se vincula co pensamento e os recordos dunha estancia en Suíza inesquecible para a artista.

Ignacio Pérez (A Coruña, 1980). Fluctuacións (Instalación) nace do interese e da reflexión de diferentes aspectos do proceso artístico como son o plano pictórico e as superficies de interacción, os materiais, os conceptos de caos, equilibrio e orde, o movemento, a cor e o contexto histórico. Unha concepción ideolóxica próxima á arte povera, que trata de provocar unha reflexión entre o obxecto e a súa forma a través da manipulación do material e a observación das súas calidades específicas.

Ana Pérez Ventura (Santiago de Compostela, A Coruña, 1981) En Deux études conflúe o tempo e o espazo. Ana utiliza os estudos op. 37 no 1 e no 2 do compositor H. Lemoinee grávase tocando ao piano 10 veces seguidas cada estudo. A man dereita e esquerda intercambian papeis. A artista transforma os xestos rítmicos da práctica musical nunha exploración da abstracción pura, na que o audio dos vídeos é o son producido ao aplicar a pintura sobre o lenzo.

Laura Piñeiro (Pontedeume, A Coruña, 1984). Oda longánime. Tras o estímulo dun pequeno obxecto, formalizado nesta ocasión por un simple botón, Laura, constitúe o punto de partida sobre o que retrotraerse a un pasado no que unha das maiores figuras da miña vida traballaba para unha gran multinacional do sector téxtil, unindo a pezas de roupa miles de botóns polos que cobraba por unidade cosida (…) cada unha das puntadas non son máis que circunferencias debuxadas no aire, compasadas co tic tac das horas.

Uxía Piñeiro (O Corgo, Lugo, 1978). Hannah é a orixe e a razón. A paisaxe evocada pola cor e a luz pura do sal e o círculo que a separa e a protexe do mundo, é o espazo no que a artista se reúne con ela, xa que Hannah, aínda que non está, pode verse o seu alento no cristal.

Gonzalo Rey (Santiago de Compostela, A Coruña, 1976). Welcome permite ao artista reflexionar sobre a crise e a situación da xente nova que se ve obrigada a emigrar e deixar o seu fogar cun futuro aínda incerto e implicar ao espectador nesta reflexión.

Nuria Ruibal (Oviedo, Asturias, 1983). Cuestión de tempo permite ao espectador ser parte da obra, completala. Remite á memoria a partir do xogo infantil do comecocos invitando ao espectador a coller e levarse unha das partes que conforman a peza e descubrir a palabra que esconde. A cor branca alude ao non-recordo, á páxina en branco onde escribir/reescribir a nosa historia.

Carlota Salgado (Salgueiros, Vila de Cruces, Pontevedra, 1988). Welcome é unha proposta de site specific que a artista Carlota Salgo propón para o roupeiro do Auditorio de Galicia, interactuando co espectador no momento que este deixa unha prenda. A arte e a vida únense nun mesmo campo.

José Andrés Santiago (Santiago de Compostela, A Coruña, 1981). The Original True Colours Series Superdeluxe Edition V (Serie True Colours): Xogo visual da luz e da cor a través de figuras de grúas de papiroflexia. Proposta gráfica dentro do concepto de campo expandido. O xogo visual coa cor, inicialmente sen máis pretensión que a de levar a cabo estudos cromáticos e a súa interacción co soporte mural, deveu nunha exploración tridimensional co volume da peza e a luz como elementos igualmente importantes, así como as construcións de sombras que tamén se xeran.

Olaia Sendón (Ourense, 1978). Kaufland son unha serie de textos que aqueles amigos que queiran poden ler diante da cámara. O texto reflexiona sobre os problemas das novas xeracións. Explica Olaia (…) ‘Estudamos, aprendemos idiomas; “xuventude sobradamente preparada”, dicían de nós. Triste comprobar que esa afirmación era certamente real e que ese mundo de oportunidades non era máis que a sección de oportunidades dun comercio global. E mentres ese futuro que imaxinamos se creba, vemos como a liberdade e os dereitos que herdamos se van diluíndo tras unha cortina de medo e parálise. Deste shock nace Kaufland, unha metáfora do mundo no que acordamos vivir, cunha lóxica e unhas normas ocultas que crises coma a actual fan patentes de maneira lamentable. PRIMEIRO PREMIO

Cillas Seyde (A Coruña, 1988). Negami. Site specific realizado pola artista na galería do Auditorio de Galicia. A instalación fotográfica xerada a través do principio da cámara escura. Esta fórmula consiste nun pequeno burato que filtra a luz do exterior luminoso cara ao interior dunha superficie, reflectindo a imaxe exterior de forma invertida e vai cambiando dependendo da luz das horas do día.

Ismael Teira (Boiro, A Coruña, 1987). Case ceo español inspírase nos ocos de ceo azul existentes entre o rabo e as patas traseiras do touro de Osborne, tratando así a idea de que o espazo público se atopa condicionado pola publicidade. Ismael reproduxo, con idénticas dimensións, ese fragmento de ceo de mentira que nunca se nubla, dividido en tres partes que se corresponden coas tres chapas metálicas que ocupa na estrutura orixinal.

Mar Vicente (O Valadouro, Lugo, 1979). Sólido I (Acumulación) é un volume formado por unha maraña de teas pintadas dispostas de forma azarosa nunca caixa que, no momento de sacalas, forman un cubo. SÓLIDO pertence a uns dos principios co que traballa a artista como é o de mostrar outros xeitos de pintura. Móstrase como outra posibilidade de presentación do obxecto pictórico.

Verónica Vicente (Tomiño, Pontevedra, 1988). Luciérnagas #1. Os edificios, de noite, non son máis que caixas de luz. As ventás deixan ver, e con detalle, o que de día se esconde aos ollos dos veciños, dos demais. Cando se acende a luz proxéctase cara ao exterior todo o interior; proxéctase o privado cara ao público (…)Non é doado estar a salvo, nin tan sequera na casa e baixo ferrollo estamos libres de ser espiados, intimidados.

Vía: www.compostelacapitalcultural.com
(© imaxe ‘Kaufland’, Olaia Sendon)

Publicidad

Los comentarios se han cerrado.

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×