Noticias de Hoy
inventio
Fecha: 11/11/2022

Inventio

O espectáculo Inventio chegará a vindeira semana a Pontevedra para encher o Auditorio Sede Afundación de circo, maxia e danza durante tres días. Esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar brindará ata cinco funcións entre o venres 11 e o domingo 13 de novembro. Os billetes oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca.

Inventio, un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado 'Triki' e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.