Xornadas de Cinema, Viño e Cultura en Pontevedra
2ªSesión: Lisboa, A Ville Blanche, Fernando Pessoa Filme: Sostiene Pereira
Espazo Nemonon, un ámbito para a cultura e o goce do viño
Condutor da Sesión: Xavier Castro
Colabora: Ateneo de Pontevedra
Adega: TEIRA (Beade. D.O. Ribeiro)
Adegueiro: Manuel Formigo
PRESENTACIÓN
Poñerase de manifesto neste evento o elevado poder de evocación que ten un bo viño, posto que como apuntaba certeiramente Álvaro Cunqueiro, non se bebe para olvidar -como adoita rezar o tópico da desventura- senón para recordar. E haberá que lembrar a invocación de Borges expresada nun soneto consagrado ao viño: “Vino, enséñame el arte de ver mi propia historia / como si ésta ya fuera ceniza en la memoria”.
Deste xeito, na 2ª sesión das Xornadas de Cinema, Viño e Cultura, adentrarémonos no ambiente cultural da cidade de Lisboa, por cuxas rúas deambulaba Fernando Pessoa, como un dandi con aires de flâner baudelairiano recalando nos cafés da Baixa e o Chiado (en cuxos locais estivo tan presente a emigración galega), como A Brazileira, nunha época de desasosego como foi a primeira metade do século XX. Sentirémonos, sen dúbida, animados pola cálida compaña de Marcello Mastroianni no filme Sostiene Pereira (dirixida por Roberto Faenza, no ano 1996), cun guión baseado na novela dun grande amador de Lisboa: Antonio Tabucci. Seguiremos, así, o itinerario lisboeta marcado por Alain Tanner no filme Dans la Ville Blanche (1983) e non sería de estrañar que bateramos con algún dos heterónimos pessoanos convertido en personaxe, como lle aconteceu a Saramago con Ricardo Reis.
O fado de Amália Rodrigues e senlleiras cancións portuguesas, como a que marcou a revolución dos cravos, Grândola, Vila Morena, de José (Zeca) Afonso, proporcionarannos a atmosfera emotiva na que rebuliron nos anos trinta, o galeguista Ramón Martínez López, o polígrafo Gómez de la Serna, o xornalista Julio Camba e, tras do estalido da guerra civil, o filósofo José Ortega y Gasset.
Evocaremos as tabernas emprazadas nos cais da desembocadura do Tejo, onde se falou nun tempo de Teixeira de Pascoaes e a filosofía do saudosismo portugués, divulgada polo grupo Renascença na publicación bimensual A Águia, que Vicente Risco tivo por irmá da revista Nós. Os ecos desta teoría suscitaron o interese dun sector da intelectualidade galega, no que velaban armas Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, resoltos a indagar na esencia da identidade galega, expresada quer nun humor peculiar, ou quer nunha saudade característica, consideradas ámbalas dúas temáticas dende un prisma heideggeriano.
Deste xeito, os comentarios do condutor da sesión, Xavier Castro, darán conta dos gustos predominantes en materia de viños e outras bebidas e das claves esenciais do devandito poeta. Como contrapunto, escoitaranse en boa hora as achegas do adegueiro ao fronte da Adega Teira (Beade, D.O. O Ribeiro) Manuel Formigo, que presentará os viños que se cataran nesta ocasión, xa que o asisado neste evento é mollar cumpridamente a palabra. A devandita adega do Ribeiro foi merecedora de importantes recoñecementos pola calidade dos seus senlleiros viños, que se catarán nesta ocasión: Formigo Blanco (mestura de Treixadura, Godello, Palomino Fino, Albariño, Torrontés e Loureira), Finca Teira Blanco (primordialmente Treixadura, con Godello e Torrontés), Teira X, tamén branco, e Finca Teira Tinto (principalmente Sousón, e tamén Caiño, Brancellao e Garnacha).
Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan artesán con friames e queixo galego de calidade, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará no Espazo Nemonon.