Vermú entre libros con Ana Cabaleiro en Pontevedra.
Desta volta o Vermú entre libros trasládase á Casa da Luz onde acollerá a visita da escritora Ana Cabaleiro que conversará con Ramón Rozas da súa novela 'As ramonas'
'As ramonas',editada por Galaxia (Falamos de Libros), narra unha etapa da vida de Mona Otero, unha fotógrafa loitadora e soñadora que ansía triunfar no mundo da arte. Toda a historia vaise enfiando no interior de sucesivos vehículos desde os que a protagonista nos vai amosando un rosario de factores que delimitan a súa existencia: a competitividade, a autoestima, os odios, a pobreza, a familia, o abandono, as aparencias, a falsidade do éxito, a dignidade. Mais Mona Otero é só un fío do nobelo no que se vai xuntando co outras ramonas -unhas veces complementarias, outras opostas- e a partir do cal van formando un complexo mundo de mulleres. A novela de Ana Cabaleiro é, ademais, o retrato dunha sociedade rural en mutación, cun pé asentado na tradición e nos lazos familiares e co outro alancando cara á globalización.
'As ramonas' foi a obra gañadora do Premio García Barros de Novela 2018.