Noticias de Hoy
REM
Fecha: 26/01/2018 a 27/01/2018

Teatro: REM en Pontevedra

Teatro: REM en Pontevedra

Un proxecto novo e completamente diferente.

O grupo de teatro comunitario da Sala Ingrávida pasou por: unha sitcom teatral con "Defecto de Forma", un narco-culebrón con "A vinganza da becha" e unha serie documental coas historias da vila con "Por Catro Perras"…

E este ano!?

Nada que ver. Con nada do anterior. 

REM é unha proposta onírica baseada nos soños das persoas que compoñen o grupo de teatro comunitario da sala. 

Xa, pero de que vai?

O novo proxecto dos Inestables decide explorar o mundo dos soños e os mecanismos que producen no ser humano o feito de facelo. Soñar nun sentido amplo, estético e metafórico, asi é como desta vez queremos contar que a sociedade cada vez soña menos, desexa menos, está insensibilizándose culturalmente e para iso está tomando “pílulas para non soñar”. 

A nosa aportación nesa nova viaxe teatral é ofrecer ao público a posibilidade de repensar a realidade. Unha realidade que está colonizada polos fármacos e polas farmaceúticas, onde semella que xa non somos quen de crear os nosos estímulos, nin sequera quen de cronstruir os nosos propios soños, semella que a manipulación xa se instalou no noso subconsciente.

Co escenario como ferramenta poremos en pé soños da comunidade que nos vai permitir coñecérmonos, crear vínculos e reflexionar sobre o estado de anmesia cultural que padecemos.

Nesta tempada o Teatro Comunitario atrévese a penetrar nas estruturas dos soños, nos mecanismos que nos diferencian dos zombies e asi plantexar a realidade dunha sociedade narcotizada.

Cada vez soñamos menos e iso nótase, anestesiamos os nosos sentidos e non somos quen de percibilo, precisamos dun grupo de persoas que se atreva a demostrar que as pílulas non acougan a alma e moito menos a conciencia.

Asi é como queremos denunciar a falta de acción cultural, transformando o escenario ingrávido nunha fábrica de soños que nos permita contrastar co público a nosa tese,  que expón unha sociedade gris e opaca que ten como obxectivo cumprir na vida con todas as cadeas que inventou o neoliberalismo xunto cas farmaceúticas para non sentir. Nin dor, nin pracer, nin rabia, nin indignación... e sobre todo que non nos permita pensar e asi seguir traballando para a engranaxe mortal namentres a nosa vida esmorece.