Noticias de Hoy
A rebotica da arte
Fecha: 14/02/2014 a 16/03/2014

A rebotica da arte. Colección da Fundación Pública Galega Camilo José Cela

A rebotica da arte. Colección da Fundación Pública Galega Camilo José Cela

O título desta exposición é o mesmo co dun artigo que Camilo José Cela publicou na revista Clavileño en 1950. Nela móstrase tan só unha pequena selección da pinacoteca do escritor, composta por máis de dúas mil obras orixinais que conforman, xunto coas colección literarias (a súa biblioteca, a súa hemeroteca, o seu epistolario…) o legado do nobel padronés custodiado na Fundación Pública Galega Camilo José Cela.

A mostra é un breve achegamento a este conxunto que persegue pór de relevo o estreito vencello de Cela coas belas artes a través da súa colección de pintura, da súa descoñecida faceta de pintor e, como non, a través dos seus escritos, nos que a pintura acaba por converterse en principal foco de reflexión literaria.

En A rebotica da arte, móstraselle ó público unha representación dos autores e das tendencias artísticas máis representativas do século XX. Picasso, Miró, Zabaleta, Úrculo, Granell, Seoane, Caruncho e máis de 30 autores incluído o propio Cela ou outros escritores coma Lorca e Alberti, compoñen un conxunto que fará as delicias dos amantes das artes plásticas e da literatura.