Presentación en Pontevedra do libro: Elas, de Aurora Marco.
A recentemente creada A Xanela Editorial abre o seu camiño editor cun libro moi especial: “Elas” de Aurora Marco.
A ensaísta, catedrática de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, quixo mostrar nesta obra as contribucións das
mulleres galegas nos diferentes ámbitos de ocupación desde as orixes até 1975, ano de cambios políticos e punto de partida da revisión da situación e dereitos das mulleres.
O libro, editado por A Xanela Editorial, é froito do labor de investigación iniciado na década dos 80 e recolle unha compilación de biografías que permiten ter unha visión do papel determinante da muller galega na sociedade do seu tempo.
Esta edición acompáñase de 16 serigrafías realizadas, como non podía ser doutro xeito, por oito mulleres galegas e artistas: Chelo Rodriguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiraldez, Ma Manuela, Ma Xesús Diaz, Novais, Sabela Arias Castro e Vanessa Lodeiro. Vai saír á venda en edición limitada e acompañado polas serigrafías numeradas e asinadas polas súas autoras.
A presentación terá lugar en Pontevedra o mércores 30 de marzo, ás 19:00 horas na Casa da Luz (Praza da Verdura s/n, Pontevedra) e contará coa participación da concelleira de Benestar Social Carme Fouces, do editor José Manuel Calviño e a autora.
Na mesma sala exporanse as obras orixinais correspondentes ás serigrafías que poderán ser visitadas ata o día 15 de abril.