Pontenciencia 2020 en Pontevedra (obradoiros científicos)
O proxecto Pontenciencia, que pretende estimular a participación cidadá en procesos científicos e facer visible a ciencia entre @s nen@s e o público en xeral, acaba de arrincar unha nova edición coa posta en marcha de obradoiros de formación no método científico en 13 centros educativos de Pontevedra. O obxectivo destes talleres é explicarlles a grupos de escolares de Educación Primaria e ás súas familias como realizar unha investigación, o protocolo a seguir de maneira lóxica e organizada e como conseguir que os resultados sexan reproducibles e confiables. Ao mesmo tempo, buscan facilitar a participación da comunidade educativa na VII Feira da Miniciencia, que terá lugar no mes de xuño.
A iniciativa, impulsada polo concelleiro de Educación, o socialista Tino Fernández, traducirase en dous tipos de obradoiros: uns destinados a escolares de 5º a 6º de Primaria que participarán na Feira co seu centro escolar e que se desenvolverán dentro da aula en horario lectivo; e outros dirixidos ás familias que desexen participar cos seus fillos/as (de entre 7 e 12 anos), convocados a través das Anpa e impartidos en horario de tarde. Os asistentes poderán aprender unha metodoloxía de investigación aplicable a calquera ámbito social, económico ou ambiental.
As accións formativas xa se puxeron en marcha no CEE Pontevedra, o CEIP Plurilingüe Froebel, o CPR Salvador Moreno e os CEIP de Marcón, Cabanas e A Xunqueira II. Entre finais de mes e principios de febreiro tamén se iniciarán talleres nos CEIP San Martiño, Plurilingüe San Benito de Lérez e Ponte Sampaio, o CEP Marcos da Portela e os CPR San José e plurilingües Sagrado Corazón (Os Praceres e Pontevedra Leste).
As datas de inicio dos obradoiros e os seus horarios serían os seguintes:
CEIP San Martiño | MARTES 4 de febreiro. Horario: 11:10-12:00 |
CEE Pontevedra | MÉRCORES 15 de xaneiro ás 12:30 horas |
CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez | LUNS 10 Febreiro as 09:15h |
CEIP de Ponte Sampaio | XOVES 6 DE Febreiro 10:05h-11:00h |
CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús | MÉRCORES 12 de febreiro 10:00 a 10:50 na primeira clase, de 10:50 a 11:40 na 2ª clase e de 12:10 a 13:00 na terceira |
CPR San José | LUNS 27 de xaneiro 12:15h |
CEIP Plurilingüe Froebel | XOVES 23 de xaneiro: 9,55- 10,45 e 10,45-11,45 |
CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús, Placeres | Venres 14 febreiro 11:30h-13:30h 2 cursos 5 CPR |
CEP Marcos da Portela | XOVES 6 DE Febreiro 12:20h-13:10h / 13:10h-14:00h |
CEIP de Marcón | VENRES 10 de xaneiro 12:50 h |
CEIP de Cabanas | VENRES 10 XANEIRO / 09:30-10:20H / 10:20H-11:10H |
CEIP A Xunqueira Nº 2 | VENRES 17 xaneiro 10:50h_11:40_CEIP XUNQUEIRA II 6ºB |
CPR Salvador Moreno | Mércores 15 xaneiro 08:40h-09:35h CPR Salvador Moreno |
Comités científicos, investigacións e Concurso Pontenciencia
En paralelo aos talleres estanse a constituír comités científicos, formados por mestres/as e investigadores das facultades do Campus de Pontevedra e do CSIC, que aportarán propostas de investigación a disposición dos participantes. Os proxectos de investigación que se desenvolvan irán destinados á exposición en ‘Pontenciencia: feira da miniciencia’ e ao Concurso Pontenciencia.
Tal e como explica Tino Fernández, o programa Pontenciencia “ten a finalidade de desenvolver o pensamento investigador e de poñer ao alcance dos alumnos e das súas familias un conxunto de ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación”. “O resultado -afirma o edil do PSOE- será a celebración da feira de ciencias Pontenciencia, que este ano chega á súa sétima edición e na que participará alumnado de Primaria (a través das modalidades ‘Ciencias no cole’ e ‘Ciencia en familia’), Secundaria (nos Premios de Investigación 2020) e a cidadanía en xeral”.
A feira, aberta á cidadanía, estará dividida en tres sesións: ‘Ciencia no cole’ (venres), coa presentación dos presentación dos proxectos de investigación dos centros participantes (5º e 6º de Primaria); ‘Premios de investigación’, dirixida a Educación Secundaria, e ‘Ciencia en familia’ e entrega de galardóns (sábado), coa presentación dos proxectos de investigación das familias participantes e a deliberación do xurado.
Visibilizar ás mulleres na ciencia
Co obxectivo de facilitar e visibilizar o pleno acceso e a participación das mulleres e nenas na ciencia, dun xeito equitativo, contribuíndo deste xeito á igualdade de xénero, a Concellería de Educación incluirá como principal novidade en ‘Pontenciencia 2020: VII Feira da Miniciencia’ os Premios de Investigación ‘Homenaxe á muller investigadora’, dirixidos a estudantes de Secundaria. Asemade, buscarase visibilizar o traballo de investigación e desenvolvemento que se fai nas empresas, convidándose a participar ás compañías que dentro das súas competencias desenvolven procesos de I+D+i.
A Concellería de Educación conta para a realización deste proxecto cunha axuda de 28.000 euros por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.