Kulunka Teatro presenta: Solitudes, en Vigo.
A compañía Kulunka Teatro presenta Solitudes, a súa segunda montaxe despois de André y Dorine. Unha historia que, a través do humor, afonda na soidade e a incomunicación dos membros dunha familia. O mesmo equipo creativo pon en pé un novo traballo de teatro de máscaras que, sen unha soa palabra, resulta todo o contrario a inexpresivo.
O protagonista de Solitudes séntese incomprendido porque, como case todos os vellos para os que a súa vida é practicamente unha espera, só desexa cousas sinxelas. Cousas tan simples que os demais non chegan a valorar na súa verdadeira importancia. O extraordinario desta historia é que o vello -contra o que podería esperarse de alguén cunha vida xa case sen alicientes- non se resigna, non renuncia aos seus pequenos desexos e pelexa por eles con determinación e dignidade. Isto, claro, terá as súas consecuencias para el mesmo e para quen o rodea.
Unha viaxe por universos cotiáns que, combinando a gravidade co sorriso, conmove, sorprende e convida á reflexión.
Compañía: Kulunka Teatro
Espectáculo: Solitudes
Idade recomendada: público adulto
Duración: 85 minutos
Prezo: 8 €