IX Noites de Musica Antiga en Pontevedra
Os venres 7 e 14 de xullo, ás 22 h, celébrase a IX edición do ciclo de concertos de Música Antiga nas Ruínas de San Domingos. Actuarán os grupos Resonet e La Xácara. A entrada é de balde ata completar a cabida.
RESONET
O grupo Resonet actúa o 7 de xullo ás 22 h interpretando música de Claudio Monteverdi, o autor que en maior medida contribúe ao cambio da música no século XVII. Sen el, o barroco musical e a ópera moderna, tal e como a entendemos hoxe, non serían os mesmos.
Resonet formouse en 1990 en Santiago de Compostela. Os seus compoñentes están especializados na interpretación de música antiga nos máis recoñecidos centros de formación de Europa.
Mercedes Hernández, soprano
Paulo González, frautas
Carlos Castro, percusións
Estudio de Resonet, conxunto vocal
Fernando Reyes, tiorba e dirección
LA XÁCARA
O grupo galego La Xácara actúa o 14 de xullo ás 22 h. É unha agrupación de recente formación dedicada á interpretación de música antiga en instrumentos orixinais. Os seus membros teñen unha gran experiencia no eido da interpretación da música da Idade Media, Renacemento e Barroco formando parte doutras agrupacións especializadas neste tipo de música.