A exposición sobre a ponte do Burgo, desde hoxe na Pasarela de 12 de Novembro.
Boa parte da exposición “Ponte do Burgo, berce, camiño e luz”, que se espuxera en marzo no Museo de Pontevedra, será instalada hoxe na pasarela da rúa 12 de Novembro, para difundir entre a veciñanza a historia do que sen dúbida é o elemento construído máis significativo da cidade.
A versión de rúa evita lóxicamente todos os elementos orixinais (as chaves das portas da muralla, reproducións en pedra da contraportada de Santa María e algúns vestixios arqueolóxicos atopados na cabeceira sur da ponte) que contiña a súa configuración inicial por evidentes razóns de seguridade. Consta por tanto de todo o seu compoñente divulgativo, composto por un total de 26 paneis con diversos aspectos relacionados coa ponte: a súa evolución unida á da cidade, o proxecto de restauración en sí mesmo e algúns outros aspectos relacionados coa significada infraestrutura.
Outros elementos importantes da exposición, como o catálogo e o video que se realizou, poden ser consultados e descargados vía web en burgo.pontevedra.gal.
Trátase dunha produción municipal que se enmarca nas accións de cara á futura restauración da ponte, que consistirá básicamente en dotala dunha plataforma única para a circulación peonil renovando a táboa superior, a transformación da cabeceira sur nun espazo de estar, cunha nova praza arborada.
A dimensión lumínica abrangue a toda a ponte: a plataforma superior, con luces no chan e outras que parten da nova varanda metálica, e as duas “fachadas” do monumento, os dobles arcos e os tallamares, así como as icónicas cunchas que desde os anos 50 do pasado século adornan a arcada.
A exposición percorre a historia da ponte baixo unha óptica diacrónica, desde as especulacións en torno á ponte romana ate a construción da primeira versión da actual, que tivo lugar no século XII, non se sabe moi ben se sobre a “vella ponte” que deu nome á cidade ou perto dela.
Un dos elementos máis significativos da mostra é a ilustración que Pier María Baldi realizou en 1669 que se conserva na biblioteca Laurenciana de Florencia, xa que é sen dúbida a máis detallada e fermosa ilustración que nos chegou da etapa pre-fotográfica. Como homenaxe a esa ilustración da que a ponte é a protagonista absoluta, realizouse unha actualización, a través do seu coloreado e limpeza, para adaptar o aspecto orixinal (que tamén se mostra) á retina contemporánea. Ofreceráse na exposición nun panel triple de 6 metros de ancho en total. O coloreado foi realizado por Emi Ramírez.
Ademáis dun percorrido histórico pola cidade e a súa ponte, exhíbense os planos máis significativos do proxecto de reforma, a cargo dos arquitectos Javier A. Franco e Vicente Pintos e o equipo de enxeñeiros Quicler y López.