Exposición: De María Vinyals a María Lluria en Pontevedra
Esta mostra está dedicada á figura da precursora do feminismo María Vinyals y Ferrés (1875-ca. 1940), sobriña política do marqués de la Vega de Armijo, propietario do castelo de Soutomaior, onde ela naceu.
A excelente educación que recibiu fíxoa coñecedora de varios idiomas. Escritora vocacional desde moi nova é autora de El castillo del Marqués de Mos en Sotomayor. Apuntes históricos, a máis completa monografía ata agora dedicada ao castelo, que saíu do prelo en 1904. Casou en primeiras nupcias con Juan Nepomuceno Jordán de Urríes, marqués de Ayerbe, do que recibiu o título co que foi coñecida na sociedade da época. Tras enviuvar casa de novo co médico de orixe cubana Enrique Lluria Despau, con quen funda un sanatorio en Soutomaior que acabou fracasando polo boicot da sociedade pontevedresa a causa da militancia socialista do matrimonio, que abandona as súas posesións galegas para viaxar a Cuba en busca de novas oportunidades.
Son moi numerosas as achegas que a través da prensa fai na defensa dos dereitos da muller. Tamén foi unha prolífica conferenciante sobre o tema.
Da súa vida e obra darase conta nesta exposición que estará formada fundamentalmente por documentación persoal (custodiada no propio Museo de Pontevedra na súa maior parte), bibliografía, imaxes gráficas e outros testemuños que axudarán a facer un percorrido pola súa biografía, froito do traballo de investigación das comisarias da exposición.
Comisarias: Aurora Marco e Ángela Comesaña.