Do cómic á novela gráfica. A banda deseñada en España no século XXI en Pontevedra.
O cómic en España hai moitos anos que deixou de ser, como contaba o dito popular, o cine dos pobres. Os tempos nos que personaxes coma Carpanta ou Capitán Trueno se facían masivamente populares, vendéndoselles ós nenos de varias xeracións, pertencen a un pasado xa afastado. Con todo o cómic nacional do século XXI vive, posiblemente, unha auténtica nova idade dourada.
A novela gráfca propiciou un novo lector, ó apostar por historias de corte literario, contidos maduros e vontade artística. E a paisaxe editorial permitiu que unha nova xeración de autores puidese publicar esas obras esixentes e persoais; tamén os creadores veteranos mostraron nos últimos anos a súa capacidade para reinventarse, evolucionar nun mercado que cada vez aposta máis por un lector adulto.
Esta exposición, organizada polo Museo de Pontevedra, representa unha panorámica necesariamente parcial desta paisaxe poboada de obras e fírmas indispensables. Oito debuxantes e dous guionistas presentan unha serie de bosquexos, procesos, orixinais e, nalmente, a disposición das obras para a lectura do visitante.
A historieta é unha arte cuxo fín último non está nas salas de exposicións senón no libro industrialmente reproducido e posto á venda para o seu gozo. Do mesmo xeito que a literatura se le ou o cine se visiona, un cómic é ante todo unha obra de lectura. Pero lemos un traballo que, en forma de pasos previos, deseños de personaxes, páxinas a lapis ou coloreado informático, se pode expoñer.
Do cómic á novela gráfíca. A banda deseñada en España no século XXI propón un percorrido a través de mostras orixinais, reproducións de alta defínición e un espazo lector, unha viaxe polo proceso de pensar a obra, deseñala, debuxala e fínalmente editala, apoiada en dez autores do noso país avalados polos premios máis prestixiosos, o éxito internacional e unhas carreiras totalmente consolidadas. Ó mesmo tempo, neste grupo de dez aténdese á vitalidade da canteira galega con tres fírmas punteiras.
Miguelanxo Prado, crecido no chamado boom dos oitenta, e José Domingo e David Rubín, integrantes do colectivo historietístico galego Polaqia nacido en 2001.
A eles súmanse Santiago García, como guionista do último traballo de Rubín, e varios gañadores do Premio Nacional del Cómic outorgado polo Ministerio de Cultura de España: Max, Kim e Antonio Altarriba, Alfonso Zapico, Paco Roca e Santiago Valenzuela. Firmas novas e grandes clásicos unidos por un afán: facer do cómic coa súa obra, unha arte, a novena como se adoita dicir, capaz de abraiar, emocionar e quizais mesmo mellorarnos como lectores.