Cinema con Alberte Pagán en Pontevedra
Alberte Pagán é un autor fundamental se queremos comprender a renovación que sufriu o cinema galego nos últimos anos.
O traballo de Pagán abrangue ademais do cinema, a literatura, o activismo, a tradución ou a crítica sempre cun compromiso insubornable coa liberdade e a experimentación formal.
Comezou a súa andaina no cinema como teórico, especialista e investigador no cinema experimental. El foi o autor dun dos textos máis referenciais do Estado Español, a publicación do CGAC Introdución aos clásicos do cinema experimental (1999), do que tamén comisariou o ciclo. Con esta carta de presentación realizou varios libros como Imaxes do soño en liberdade: o cinema de Eugenio Granell (2003), o capítulo dedicado ao “Cinema Underground estadounidense” no libro editado polo Festival de Cine de Xixón Dentro y fuera de Hollywood (2004), así como do ensaio “Residuos experimentales en Arrebato” aparecido no libro Arrebato… 25 años (2006) editado pola Filmoteca de Valencia (texto utilizado no libreto do DVD da película publicado en Alemaña). Sobre o cinema de Andy Warhol publicou unha monografía en dous volumes, A mirada impasíbel (2007) e A mirada inqueda (2013), publicados por Edicións Positivas; e en castelán o tomo Andy Warhol (Cátedra, 2014).
No ámbito literario, é o tradutor dos dous primeiros capítulos de Finnegans Wake (Contos contados de Finnegan e HCE, Juncalinho, 1996), a derradeira novela de James Joyce sobre a que escribiu o ensaio A voz do trevón. Unha aproximación a Finnegans Wake, publicado por Laiovento (2000). É autor do poemario Prosopagnosia (2013) e das pezas teatrais agrupadas no libro Como foi o conto e outras peças teatrais (2013), inspiradas en cinco das súas películas. En 2015 publicou a novela Percorridos por unha teoría do desexo.
A súa filmografía comeza cun canto á oralidade en Como foi o conto (2004). O seu interese por comunidades humanas apartadas do concepto occidental de sociedade reflíctese en Os Waslala (2005). Con Bs. As. (2006) realiza un filme onde afonda sobre o concepto da emigración, unha reflexión cinematográfica coa que participou na sección “Llendes” da 44ª edición do Festival de Cinema de Xixón, no Punto de Vista de Pamplona, e co que conseguiría o I Premio de Ensayo Cinematográfico Román Gubern da Universidade Autónoma de Barcelona. No 2008 fixo un significativo fresco sobre o poder da imaxes cunha curtametraxe feita a base de imaxes encontradas: Pó de estrelas. Un ano máis tarde realiza a longametraxe Tanyaradzwa, na que indaga sobre a identidade dun continente a través do retrato dunha muller de Cimbabue. En 2009 presenta a mediametraxe Asahra Hurratun! sobre o conflito do Sáhara, e en 2010 realiza dúas indagacións sobre o espazo, as curtametraxes Puílha 17 janeiro 2010, 15:33H e Eclipse. Nese ano tamén realiza a longametraxe A pedra e o lobo, a súa primeira obra de ficción, onde explora os mecanismos da narración. En 2011 terminou a longametraxe A Quem se lhe Conte… onde volve a súa mirada a imaxes do Prestige.
Suas obras:
Pó de estrelas (2007, 24’)
Pó de estrelas é umha história do universo. Nela entrecruçam-se centos ou milheiros de intra-histórias. Desde o nacimento da vida microscópica à macroscopia final, com o lixo espacial orbitando arredor da Terra.
A sua duraçom corresponde-se co tempo que precisamos para tomar um café com cigarro na barra dum bar, lendo a imprensa entanto o televisor, a todo volume, nos abouxa coa sua trivialidade publicitária. O mundo abalea um chisco quando deixamos mudas as images publicitárias e a sua banda sonora lha aplicamos às fotografias do jornal. Pó de estrelas é umha crítica da sociedade do espectáculo.
Os fotogramas publicitários encontram-se no límite entre o estatismo (images ailhadas) e o movimento. Movimento por partida dupla: o que resta da publicidade, por meio da montage alterna de 10 fotogramas de cada anúncio, separados por outros 10 fotogramas de outros tantos anúncios; e o que se produce pola similitude ou diferença entre qualquer dos fotogramas contíguos. Deste jeito, apesar da rigidez formal da montage, a velocidade com a que apreçamos as images varia dependendo do contido das mesmas.
Película urgente por Palestina (2012, 14’)
Esta é unha película urgente por Palestina, desde Palestina. Esta é unha película sen images porque as images son incapaces de representar a historia. O cinema é mentira.
Esta é a imaxe dunha mentira.
Israel é mentira,a historia é mentira.
Estas son images da historia, images do presente, historia das images.
A política é a historia en estado presente. Que foi da revolucion palestina?
Isto non é a descricion dun combate:
isto é o combate.
Isto é um panfleto sobre o sufrimento cotiá,
esta é historia do sufrimento historico,
sen images,
sen palabras.
Isto é un panfleto pola autodeterminación,
polos dereitos dos pobos,
polo dereito ao retorno.
Debo aprender que o futuro é un mundo habitable
Debo aprender que o futuro é un mundo habitable.
Isto non é unha película.
Walsed (2014, 3’30)
Walsed é un estudo cinematográfico sobre o clásico experimental “Visión fantástica” de Eugène Deslaw. Onde Deslaw , eu nego —entanto recupero as images positivas originais— reducindo drasticamente os 60 minutos da película e invertendo as images no espacio e no tempo.
A banda sonora segue a ser a mesma, igualmente comprimida a 3 minutos e desglossada en dous canais: nun, na direcion original; no outro, invertido temporalmente.
Esta negacion dunha negacion dista de ser unha aceptacion: neganse as images e as cancions folclóricas dun país fascista que subxazen às tomas do NO-DO retocadas por Deslaw, entendese a intencion do cineasta à hora de negativizalas/negalas, mas, percebendo que o esforzo non abonda, vaise além da sua proposta camiño da destrucion total.
Flora e fauna (shot on sight) ( 2017, 13’27)
“Em 1963, quando nacim, eu figurava entre a flora e a fauna, nom entre a cidadania deste país.”
Estas palabras doperiodista Stan Grant danlle un novo punto de vista as imaxes da fauna australiana, extinta ou invasora, asi como à historia do rebelde Ned Kelly, conservada en nitrato decadente.
A mosca (2017, 1’36)
"Quarta entrega dos meus estudos cinematográficos.
A mosca atrapada na aranheira. Impossibilidade de reconstruçom despois da desintegraçom: nace um monstro híbrido."
Avance comercial anónimo desintegrado nas suas partículas elementais (fotogramas) e reconstruído mais o menos ao azar.
Película de 35mm, son óptico.