Ciclo de cine: O oficio de vivir, en Pontevedra.
Baixo o título ‘O oficio de vivir’, a actividade impulsada pola edil de Benestar Social contempla a proxección dos filmes ‘A habitación do fillo’, ‘Diario íntimo de Adèle H’, ‘Cisne negro’ e ‘El’
Recoñecer a capacidade e os mecanismos que o cinema emprega para reflectir o espectro emocional e psíquico do ser humano é un dos principais obxectivos dun ciclo cinematográfico sobre saúde mental organizado polo colectivo Taller Abierto. Baixo o título ‘O oficio de vivir’, a actividade impulsada pola concelleira de Benestar Social, a socialista Paloma Castro, desenvolverase os días 30 xaneiro e 6, 13 e 20 de febreiro no Teatro Principal de Pontevedra, en horario de 19.00 a 22.00 horas.
As películas seleccionadas para este ciclo de cine e saúde mental son ‘A habitación do fillo’ (30 de xaneiro), de Nanni Moretti, ‘Diario íntimo de Adèle H’ (6 de febreiro), de François Truffaut, ‘Cisne negro’ (13 de febreiro), de Darren Aronofsky, e ‘El’ (20 de febreiro), de Luis Buñuel. Tal e como explica Paloma Castro, “cada unha das sesións incluirá unha presentación e contextualización do filme a cargo do experto Suso Novás, a proxección da película e a intervención do prestixioso médico Víctor Pedreira, especialista en Psiquiatría, que dará paso coas súas reflexións á apertura dunha quenda de preguntas e dun coloquio”.
PROGRAMACIÓN
- 30 de xaneiro de 2020. A habitación do fillo, de Nanni Moretti
- 6 de febreiro de 2020. Diario íntimo de Adèle H’, de François Truffaut
- 13 de febreiro de 2020. Cisne negro, de Darren Aronofsky
- 20 de febreiro de 2020. El, de Luis Buñuel.
Todas as películas teñen o mesmo horario: 19:00 horas.
“O obxectivo primordial do cinema é alterar o estado emocional do espectador. De feito, posúe unha enorme capacidade para representar tanto o poliédrico comportamento dos seres humanos como as súas diversas motivacións. O cinema revélase unha canle ideal para reflectir os imaxinarios psicolóxicos e emocionais que conforman a nosa humana e caduca condición”, sinala a edil do PSOE.
Ao seu xeito de entender, este ciclo permitirá “asimilar os diferentes mecanismos utilizados polo cinema para reflectir un imaxinario tan poliédrico como complexo, relacionando conceptos inherentes a diversas disciplinas e áreas de coñecemento”.
A socialista suliña “o destacado currículo dos dous relatores: por unha banda, Suso Novás, coordinador dos seminarios e ciclos cinematográficos da Vicerreitoría do Campus Universitario e do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, e como contrapunto idóneo no ámbito da saúde mental, o doutor Víctor Pedreira, ex xefe do Servizo de Psiquiatría do CHOP; ex subdirector xeral de Saúde Mental e Drogodependencias da Xunta entre 2005 e 2009; presidente de honra da Asociación Alba, de familiares e amigos de persoas con enfermidade mental, e distinguido coa Cruz Branca da Orde ao Mérito do Plan Nacional sobre Drogas en febreiro de 2008 e co Premio Cidade de Pontevedra 2017 pola súa defensa inquebrantable da sanidade pública”.
O colectivo organizador, Taller Abierto, formado por dúas arquitectas de Pontevedra, desenvolve dende 2013 proxectos artísticos e culturais, entre os que se inclúen a celebración de cursos, xornadas e congresos, a coordinación de comunidades de aprendizaxe e o comisariado de exposicións.