Noticias de Hoy
Cartel Canjazz2023
Fecha: 20/08/2023 a 23/08/2023
Horario: 01:00 a 01:00

CanJazz en Nigrán

O Canjazz 2023 celebrarase do 20 ao 23 de agosto no Eirado do Costal e este ano contará cunha gran representación internacional con propostas de artistas de Noruega, Francia, Brasil, Estados Unidos, Portugal e coma sempre, unha ampla selección do mellor jazz galego. 

A programación do festival arrincará o domingo 20 cunha xornada protagonizada pola música brasileira. A cantante Catia Werneck, nacida en Rio de Janeiro na década dos 60 e afincada en París dende os 90, será a encargada de inaugurar esta edición cun repertorio cargado de grandes títulos da bossa nova e da súa exitosa carreira como embaixadora da música brasileira ao redor do mundo. A velada continuará cun concerto de Su Garrido Pombo Trio na Taberna Cambika que dará paso á jam session. Gañadora dos Premios Martin Códax na categoría de Canción de Autora entre outros certames, a súa é unha das voces máis recoñecidas do panorama galego, cunha traxectoria que abrangue numerosos xéneros como a bossa, folk, jazz ou latin.

O luns 21 o escenario do Eirado do Costal acollerá a Xose Miguélez & Jean-Michel Pilc 4tet. Tras o éxito internacional colleitado polos seus dous primeiros traballos Ontology e Contradictio (All About Jazz, The New York Times, JazzWeelky), a banda recala en Cangas para ofrecer un adianto do seu novo disco. O cuarteto complétase con dous dos músicos máis sobresaíntes do jazz portugués, Carlos Barretto no contrabaixo e Marcos Cavaleiro na batería. A continuación, na Taberna Cambika, o contrabaixista murciano Pedro Molina, contará co saxofonista Diego Alonso, o pianista Sunil López e o batería Zé Stark para presentar a súa proposta “Prefacio”, unha porta aberta ao descoñecido con catro artistas de categoría.

O cuarteto liderado pola trompetista noruega Hildegunn Øiseth, considerada unha das figuras máis relevantes do “son nórdico”, ofrecerá o martes 22 unha vibrante e intimista proposta de jazz escandinavo, folk e electrónica. A calidade poética das súas composicións vese reforzada coa incorporación do Bukkerhorn (corno de cabra), instrumento tradicional do que Øiseth é unha virtuosa e que incorpora de xeito formidable aos seus traballos. A noite continuará co concerto de Martín Otero Trio e jam session no Ghato de Mar. O novísimo Martín Otero é un dos pianistas galegos máis prometedores do momento cunha calidade técnica e musicalidade brillantes. Actualmente estuda no Conservatorium van Amsterdam e forma parte de varios proxectos e agrupacións tanto en Galiza como en Holanda.

O festival rematará o mércores 23 cun concerto a trío do pianista Yago Vázquez, o músico galego con máis repercusión na escena neoyorkina do jazz. O pianista vigués presenta unha formación nova, con Elam Friedlander no contrabaixo e Jesse Simpson na batería, cos que ten compartido numerosos proxectos en Nova York e xiras por Europa e que agora presentan na súa versión a trío. A programación do Canjazz 2023 rematará no Chiringo de Massó cun concerto de Javier Pereiro “In-Trio-Vice”. Este é o novo proxecto a trío sen instrumento harmónico do trompetista de Cangas. Javier Pereiro forma parte da Orquestra de Jazz de Matosinhos e pode presumir dunha traxectoria de perto de 20 anos, cun disco ao seu nome, e compartindo escenario cos todos os grandes artistas galegos e portugueses.