Sons Miudos en Ourense.
Sons Miúdos quere facer evidente a gran riqueza do panorama musical galego infantil a través dun espectáculo que consegue reunir enriba dun mesmo escenario aos máis importantes grupos galegos deste xénero.
Conducido pola actriz Montse Piñón e o actor Pepablo Patiño irase fiando unha narración de xeito teatral que percorrerá a historia da música galega infantil dos últimos 15 anos a medida que se vai tocando unha lista de cancións escollida entre o repertorio dos e das cantantes colaboradores e tocada e cantada polos seus protagonistas.
O espectáculo estará composto por unha banda base formada por un cuarteto musical e seis cantantes.
Este espectáculo está producido pola cooperativa Urdime, especializada en propostas culturais para o público infantil, e patrocinado pola Cadena Ser.
AS VOCES:
GLORIA (MAMÁ CABRA)
Pódese dicir que Mamá Cabra é o grupo pioneiro da música infantil en galego. Creouse no ano 2000 e xa teñen publicados numerosos discos e libros que están en todos os coles galegos e que son coñecidos por toda a cativada. Gloria Sánchez non só é a voz de Mamá Cabra senón que tamén é a creadora do grupo e a compositora de moitas das cancións.
MAGÍN (A NENA E O GRILO)
Magín Blanco é un cantante, compositor e guitarrista galego a quen lle debemos o coñecido espectáculo “A nena e o grilo”, no cal se combinan teatro e música. Antes de adicarse ao mundo da música infantil Magín Blanco xa publicara varios discos tanto co seu grupo La Rosa como en solitario. Tamén é colaborador de María Fumaça.
ANA SENLLE (MARÍA FUMAÇA)
Ana Senlle é unha das voces principais do gran proxecto musical para público miúdo María Fumaça. Aínda que máis que un proxecto, María Fumaça é unha familia que nace arredor dun neno especial, Ruí, para emprender un canto á integración e á diversidade funcional.
PABLO DÍAZ (TIC-TAC)
Pablo Díaz é un dos cantantes e compositores máis queridos polos nenos, ademais de ser un investigador do folclore tradicional galego. A el se deben propostas como Tic-Tac. No ano 2014 ganou o Premio da música Martín Códax de Música Infantil coa canción “Toc Toc”.
PABLO NOGUEIRAS (BRINCA VAI)
Paco Nogueiras é músico e actor. Na actualidade forma parte da compañía de animación musical infantil Os Tres TENedORES, do grupo Os Modernos e do coro da Escola Estudio de Música de Santiago. Ademais ten participado en formacións de música tradicional, creou a banda sonora de varios espectáculos teatrais, musicais, de danza e dunha serie infantil da TVG. Tamén colaborou en dous discos con Ophiusa.
XOÁN CURIEL (ESTAMOS NO VERÁN)
Xoán Curiel é un dos valores actuais da música galega infantil. O seu terceiro disco chámase Estamos no verán e está adicado ao público miúdo. Na súa traxectoria artística destaca a súa versatilidade, participando coma actor, músico, director, cantante ou bailarín en diversos proxectos vinculados á música, o teatro, o teatro infantil e a danza. Ademais, co seu grupo Son+d2 fai concertos didácticos e espectáculos infantís dende hai case unha década.
A BANDA:
JAVIER CONSTENLA
Ademais de ser integrante do grupo Mamá Cabra, Javier Constenla é pianista de varios grupos de jazz como o trío Improvía, Javier Constenla Jazz Quartet, Jazzencuentro, ou do cantautor Emilio Rúa. Da man da música fixo xiras por diversos países do mundo.
BRAIS DAS HORTAS
Guitarrista e contador de historias, Brais das Hortas é membro da compañía A tropa de trapo, a través da cal logra unha mestura perfecta entre a música e a palabra. Ademais, tamén é fundador do grupo musical Blues do país.
CARLOS FREIRE
Integrante de propostas de música infantil como Mamá Cabra, Tic-Tac ou Xoán Curiel, Carlos Freire é un percusionista moi completo, coñecedor de diversas linguaxes das músicas populares actuais e un virtuoso do tambor. Colaborou con infinidade de músicos, dende Kepa Junquera a Mercedes Peón.
PABLO VIDAL
Pablo Vidal é compositor, ademais dun recoñecido contrabaixista. Integrante do trío que levaba o seu nome, neste 2015 veñen de presentar o seu disco ”Jazz pagano”. Ademais, é colaborador asiduo do espectáculo de Magín Blanco “A nena e o grilo”.
OS CONDUTORES:
MONTSE PIÑÓN E PEPABLO PATIÑO
Tanto Montse Piñón como Pepablo Patiño son integrantes, xunto a Jorge Casas, do Teatro Ghazafelhos, unha das compañías de referencia en Galicia para o público familiar. Tamén así, ambos son os protagonistas do espectáculo de Magín Blanco “A nena e o grilo”, na que desenvolven un labor de condución do mesmo. Así pois, estamos a falar dun elenco punteiro, especializado no público infantil e moi querido por este. Ademais de actores, eles mesmos son os creadores dos seus propios proxectos polo que teñen unha grande experiencia na redacción de guións, os cales adoitan destacar pola súa orixinalidade, o seu didactismo e a súa poesía, dando lugar a creacións divertidas nas que mesturan teatro xestual, mímica, manipulación de títeres, obxectos e música. Unha delicia para o público máis cativo. Eles serán de dar a coñecer aos nenos e nenas a rica historia da música infantil galega valéndose, que mellor, dos seus protagonistas principais.