Noticias de Hoy
Fecha: 10/03/2014 a 29/06/2014

Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló

O luns 10 de marzo inaugúrase no Centro Social de Ourense a mostra: Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló, que permanecerá aberta ata o 29 de xuño de 2014. Poderá ser visitada de luns a venres entre as 17.30 e as 20.30 h e os sábados, domingos e festivos de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 h.

Esta exposición, composta por 52 obras gráficas seleccionadas entre os fondos da colección Fundación Novacaixagalicia, permítenos coñecer mellor a obra dalgúns dos mestres da arte española do século XX, entre os cales sobresaen tres grandes xenios internacionais da pintura e que o foron tamén da arte da estampa: Salvador Dalí, Pablo Picasso e Joan Miró.

Despois da Guerra Civil, a primeira manifestación do espírito renovador da arte xorde vinculada ás estampas editadas nas edicións de La Rosa Vera. Entre os artistas ligados á renovación destacan Joaquín Sunyer, Albert Ràfols Casamada, Guinovart ou José Caballero. Na publicación Estampas de la Cometa aparecen os traballos dos grandes mestres Antonio Saura, Eduardo Chillida ou Hernández Pijuán. A esta actividade interior habería que acrecentar a de tres artistas que traballan no exilio: Antonio Rodríguez Luna, Antoni Clavé e Luís Seoane. Ademais, para valorar o panorama calcográfico do século XX, é imprescindible coñecer tamén o papel do grupo vangardista Dau al Set, onde sobresae Tàpies.

Con esta mostra, para alén de nos enmarcar no panorama da época, descubriremos como as distintas técnicas de gravado, a litografía e a serigrafía reivindican o seu valor técnico e estético e se diferencian así do resto das manifestacións artísticas.

Proxecto didáctico
Para non perder detalle da exposición, ofrecemos visitas guiadas para escolares e público adulto.
ESCOLARES
«1, 2, 3... estampa outra vez!»
Visita-obradoiro para infantil e 1º ciclo de primaria
Coñeceremos a técnica do gravado a través dos grandes artistas do século XX.

«A caixa de ferramentas de Miró»
Visita-obradoiro para 2º e 3º ciclo de primaria
Aprenderemos cales son os útiles dun gravador e practicaremos con eles.

«A arte do século XX a través da súa obra gráfica»
Visita comentada para ESO, bacharelato e ciclos formativos
Viaxaremos pola arte española do XX e achegarémonos ao mundo do gravado.

Prezo por escolar: 1 €

PERSOAS ADULTAS
Visitas comentadas de 1 hora para público xeral os xoves ás 18.00 h con reserva previa e en horario a convir para grupos. Prezo por participante de 1 €.