PEPE CAPELÁN (Humorista)
Pepe Capelán deuse a coñecer no programa “Bamboleo” da TVG, como un aspirante a artista, e dende ese momento mantívose como personaxe fixo no programa. Actualmente ten unha sección semanal no programa “A Tarde” da Radio Galega e participa como tertuliano no “Laretando” da TVG.
Pepe Capelán sempre chega tarde. Parafraseando ós grandes Faemino y Cansado, poderíamos dicir que Pepe Capelán é o home impuntual. Chegou tarde ó seu propio nacemento, xa que veu ó mundo despois de case dez meses de xestación. E despois dunha longa vida de impuntualidades, tamén chegou tarde ó mundo da comedia e da interpretación.
Por non ter formación artística nin musical de ningún tipo, non sabemos cómo clasificar a este rapaz: non é cómico, nin actor, nin músico, nin cantante. Por iso, Pepe Capelán non fai monólogos, nin da concertos. O que fai Pepe Capelán é compartir, en clave de humor, as experiencias da súa propia vida; un rapaz da aldea con aspiracións de triunfar no mundo do espectáculo.