Exposición: Oficios tradicionais en Ourense
Con esta exposición, Xiralúa pretende recompilar unha serie de láminas que representan a vida cotiá do noso país a través dos oficios tradicionais. É, polo tanto, un traballo en homenaxe a todas aquelas persoas que, co seu grao de area, contribuíron silandeiramente á construción da nosa Historia e da nosa identidade.
A mostra conta con 23 oficios tradicionais, escollidos todos eles dun xeito aleatorio. Conscientes da morea de oficios que fican fóra, deixamos aberta a posibilidade de incorporar novas láminas no futuro.
Este traballo, de certo aroma nostálxico, é unha loa á dura vida dos nosos devanceiros, un tributo con sabor a mar e a terra, en definitiva, unha descrición gráfica da Galiza humilde.