Exposición Laxeiro sobre papel en Ourense
A mostra é froito dun acordo de colaboración coa Fundación Laxeiro, mediante o que se poderán ver, por primeira vez en Ourense, un total de corenta e oito debuxos de Laxeiro que ilustran o seu proceso creativo.
A EXPOSICIÓN
Composta por un total de corenta e oito obras, a exposición céntrase nos períodos da súa mocidade, incluíndo obras dos anos vinte, trinta e corenta, principalmente, con algúns exemplos de pezas que datan dos anos cincuenta.
Nesta secuencia temporal, pódese apreciar a evolución do artista, dende o debuxo de liña limpa - na que se evidencia a influencia do debuxo modernista que tanto empregara Castelao – ata o que se chamou estética granítica, unha forma de pintar e debuxar xa propia deste grupo, unha vez liberado da influencia do Modernismo, para rematar en debuxos, xa de finais dos anos corenta e principios dos cincuenta, de clara factura de xesto, moi en consonancia co Expresionismo.
Podemos ver outras curiosidades, como un neno descalzo, datado en 1931, unha fermosa peza que está a medio camiño entre o estudo académico e o retrato costumista, evidenciando xa unha singular mirada do artista.
O xénero retratístico é de crucial importancia en Laxeiro, tanto que lle valería como medio de subsistencia á súa chegada a Vigo en 1941. Nesta mostra hai varios exemplos da súa mestría nesta faceta, exemplos que van das influencias nomeadamente modernista de trazo claro e limpo, como é o caso do Retrato de home con garabata, datado na década dos anos trinta, cunha forma de debuxar nidia e concisa, coa que tamén realiza unha fermosa maternidade dunha nai moza e urbana, sentada nunha banqueta coa súa criatura no colo, mais tamén hai retratos realizados coa linguaxe da chamada estética granítica, como é o caso de Retrato de 1945, un rostro de moza de faccións rotundas, realizada a carbón cunha técnica de difuminado que resalta os volumes con gran acerto.
Non quixemos deixar de incluír tamén nesta mostra, algúns exemplos de escenas de café e de taberna, nus femininos, estudos de detalles concretos, como o caso dun delicioso debuxiño, datado nos anos corenta que recrea unha muller durmindo e, por suposto, o mundo infantil, tan importante na súa narrativa, está recollido aquí tamén en varias pezas da década dos anos trinta.
Laxeiro sobre papel preséntase así, como unha galería de personaxes, escenas e paisaxes que describe o proceso creativo dun pintor que foi evolucionando ao carón do século XX, deixando constancia nos seus debuxos desa atmosfera da primeira metade do século pasado, na que a modernidade na pintura e no debuxo, afirmábase dende un punto de vista formal, cun tratamento novo das formas e volumes, e dende un punto de vista narrativo, plasmando escenas e motivos dun xeito totalmente libre e novo, no que o costumismo idealizado queda superado por unha forma máis radical de plasmar o visible.
O ARTISTA
Laxeiro foi membro destacado do grupo coñecido como Os novos, da Vangarda histórica galega, grupo que foi responsable da entrada da arte galega na contemporaneidade no primeiro terzo do século XX, realizando unha obra que estaba en consonancia co que acontecía no panorama internacional.
Laxeiro e os seus compañeiros de xeración, rexeitaron a herdanza da xeración anterior de artistas galegos, ancorada na arte decimonónica, para propoñer novas linguaxes, no contexto da chamada á orde que o artista francés Jean Cocteau fixera a finais dos anos vinte, despois da resaca das vangardas de descomposición da imaxe, provocando movementos como a Nova obxectividade alemá que volvía á figuración dende formulacións non realistas.
Debuxante compulsivo dende o seu retorno de Cuba, a finais dos anos vinte, Laxeiro vai construíndo unha estética de gran expresividade e dinamismo, introducindo, como dixera Luís Seoane, o expresionismo en Galicia e catalizando os mundos literarios do esperpento de Valle Inclán e a Galicia mítica de Álvaro Cunqueiro. A súa obra, sintetiza deste xeito toda a tradición cultural galega coas vangardas do século XX, sempre do lado da pintura de pulsión, fronte a outras liñas de traballo máis analíticas.