Casa da Cultura e da Xuventude de Xinzo de Limia.
A Casa da Cultura e da Xuventude de Xinzo de Limia acollerá o vindeiro luns, 23 de novembro, ás 13.00 h, unha visita institucional á exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel que permanecerá aberta neste espazo ata o vindeiro 29 de novembro. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Xinzo de Limia, ABANCA e Afundación, institucións que estarán presentes na visita coa presenza da alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; o coordinador de Negocio Institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso San Román; e a coordinadora institucional de Afundación para Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano.
A exposición «Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a cunca do lugués río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia da auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.