![Exposicion en Ourense RETROSPECTIVA.](https://ocioengalicia.com/wp-content/uploads/thumbs/2019/07/Exposicion-en-Ourense-RETROSPECTIVA.-600x314.jpg)
Exposición en Ourense: RETROSPECTIVA
Emilio Celeiro mantén unha dedicación íntegra e completa á arte. A inspiración, como quería Picasso, sempre o pilla traballando. Deseños, gravados, óleos, esculturas… abrollan das súas mans co carimbo indiscutíbel da experimentación e do maxisterio. Como todo gran artista, Celeiro non transita camiños coñecidos; en cada xeira aventúrase por cavorcos ignotos, por espazos inexplorados e arriscados dos que descoñece a saída. Propostas novidosas, pinto-esculturas, técnicas mixtas coas que representa fantasmagóricos peixes armados, aves masacradas, formas orgánicas, antropomorfas, cósmicas… nunha pulsión surreal na que mestura o humor e a guerra, a deshumanización e a ameaza planetaria, a denuncia ecolóxica e o mecanicismo.