Exposición: Auga, o sangue da terra en Ourense
A exposición «Auga, o sangue da terra», que será inaugurada o 1 de febreiro ás 19.30h, realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.
As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.
«A auga e a vida» conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que forma parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.
«Vivindo na escaseza» é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.