Exposición As caras do entroido ourensán. Senlleiro e ancestral en Verín
Desde o día 18 e até o 17 de febreiro, a Sala de Exposicións de Verín acollerá a mostra As caras do entroido ourensán. Senlleiro e ancestral. José Manuel Sánchez retrata nesta serie de 22 acuarelas en formato 70 x 50 cm as máscaras máis relevantes da festa coa que tradicionalmente celebramos o paso do inverno á primavera. O labardeiro de Mugares, o galo da Mezquita da Merca, o irrio de Castro Caldelas, o troiteiro de Bande; os felos de Esgos e das Boborás; os boteiros de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso son algunhas das vinte dúas máscaras seleccionadas, entre as que se encontra o noso cigarrón.
A exposición As caras do entroido ourensán. Senlleiro e ancestral, monográfica e concibida para a itinerancia, foi presentada no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense). O Museo do Entroido, en Xinzo de Limia, e o Castelo de Maceda acolleron unha mostra que se exhibirá en Verín durante todo o ciclo del entroido verinense e que ten previsto continuar percorrendo as vilas ourensás.
José Manuel Sánchez, autodidacta de amplísima traxectoria pictórica, ten en Galicia como escenario e na acuarela como medio de expresión os eixes temáticos e técnicos da súa extensa obra. Admirador do territorio, da singularidade das xentes que o habitan e das súas producións, ten explorado co seu pincel multitude de estampas etnográficas. Por iso, é plenamente coherente coa súa visión artística que se sentise atraído pola beleza plástica das máscaras que perduraron no tempo no entroido ourensán e lle dan os atributos de senlleiro e ancestral.
A Sala de Exposicións de Verín abre de luns a venres das 17 ás 21 h e os sábados das 10 ás 14 e das 17 ás 20:30 h.