PEZA DO MES: Elemento arquitectónico da ermida da Nosa Señora do Posío
Baixo o nome do Posío coñecemos hoxe unha zona da cidade de Ourense, que ten como núcleo un xardín, resultado da urbanización dun antigo campo comunal, que subsiste, con máis ou menos variantes, dende a súa creación a mediados do século XIX.
Esta denominación toponímica, constatada xa a comezos do século XIII, abranguía unha ampla zona delimitada aproximadamente pola rúa do Vilar e a actual rúa de Fernández Oxea polo leste; rúa do Baño polo norte (incluíndo a zona do Outeiro ou Outeiro dos porcos, tamén terreo comunal); polo sur a actual rúa da Coruña e finalmente polo oeste como límite tería o río Barbaña.
Terreos dedicados preferentemente ó cultivo de viño, aproveitando a ribeira do río Barbaña, pero tamén no que se incluían muíños, casas, baños termais e o referido campo comunal do que derivaría o nome do lugar: terreo de pasto secaño, aínda que as recentes intervencións arqueolóxicas coa aparición dalgún pozo medieval non deixan en bo lugar tal interpretación filolóxica.
Precisamente na esquina suroeste deste campo situábase a ermida de Santa María ou Nosa Señora do Posío, que recibía, como moitas advocacións marianas, o nome do lugar vinculado á súa aparición, e formaba parte dunha rede de ermidas estratexicamente situadas nas entradas á cidade.
Á ermida do Posío correspondíalle a vía que, proveniente das terras de Celanova, cruzaba o río Barbaña mediante a Ponte Codesal e entraba á cidade pola rúa do Vilar. A súa existencia remóntase á época baixomedieval, coa primeira referencia documental datada en 1357. Consistiría neste momento nun conxunto formado polo edificio da ermida, unha casa para o ermitán e un curro ou valado que a cercaba.
A finais do século XVI, durante a peste do 98, a súa cabida cifrábase en de 12 a 16 enfermos, cunha casa de igual tamaño. Durante este século, cos sucesivos andazos, a súa principal función será precisamente a de acoller enfermos e o terreo inmediato servir de cemiterio daqueles que non lograban supera-la enfermidade. Este adro con plantación de oliveiras e outras árbores, cunha boa horta segundo se di nunha visita de 1539, é aumentado mediante a compra polo Concello en 1676 da viña chamada do Paraíso que confinaba coa ermida.
É a inicios do século XVII cando os mordomos da ermida deciden substituí-la fábrica medieval por unha nova, época a que pertencen os elementos conservados hoxe da desaparecida ermida: a imaxe pétrea da virxe, actualmente na fornela da virxe do Carme nas Burgas, e dúas pezas decoradas recuperadas en 1988 durante as obras de reforma da cerca do Xardín do Posío, das que fixo entrega no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense Balbino Álvarez Rodríguez en calidade de concelleiro de cultura.
Unha delas, a que nos ocupa, é un bloque de 34,5 x 24 x 31 cm labrado cunha voluta cun bálteo de perlas decrecente e o pulvino decorado con dúas liñas paralelas formadas por concavidades en forma de dobre cola de miñato. Nos lados unha folla carnosa de acanto arranca da parte superior da voluta, dispóndose sobre outra de maiores dimensións colocada no sentido inverso. Na parte traseira presenta a cara sen labrar, resultado ben da fractura da peza por ese lugar –e deste modo estaría incompleta–, ben de se-la parte pola que iría arrimada ó resto da fábrica e, por tanto, non sería preciso traballala. Segundo esta interpretación, a peza non tería unha función tectónica e si principalmente decorativa a modo de modillón nun friso.
A súa confección pódese atribuír a un dos dous mestres canteiros que traballan na nova estrutura, en primeiro lugar aparece Antonio Martínez de Araque, a quen se lle confía a obra en 1616. Araque ou Daraque distínguese como un mestre de cantería moi activo no primeiro cuarto do século XVII que se ocupa das principais obras que se realizan nese momento na cidade de Ourense. O seu nome aparece por vez primeira na documentación como autor dunha traza para o novo deambulatorio da Catedral de Ourense en 1608, obra que se dilatou no tempo e que finalmente se levou a cabo baixo os ditados formulados por Simón de Monasterio. A súa relación con esta obra esténdese no tempo, pois en 1618 concorre á poxa para a súa construción, que tamén foi adxudicada ó mestre trasmerano. En 1611 exerce de fiador do pintor Fructuoso Manuel para a obra de pintura do retablo maior de San Paio de Fitoiro, quen tres anos máis tarde lle devolve o favor na encomenda que o mestre de cantería recibe de levantar un novo edificio para o Hospital de San Lázaro baixo o seu propio deseño. En 1615 constrúe a casa que na rúa Nova tiña don Antonio de Nóboa y Lemos. Un ano despois, ademais da traza da ermida do Posío fai a da nova Porta da Aira, que el mesmo se ocupa en construír e termina en 1617. Ó tempo que traballa nesta obra, contrata o lousado da capela maior da Catedral de Ourense e o mestre Pedro Gómez de la Sierra dálle poder para que lle cobre unha débeda, evidencia de relación entre os dous artistas, o que fai supor que Araque podería ter participado nalgunha das obras que dirixía aquel mestre en diferentes mosteiros cistercienses. A partir de aquí cesan as noticias que se coñecen sobre a súa faceta artística pero non a súa actividade, pois en 1619 é arrendatario das rendas do arcediagado de Búbal e en 1622 é nomeado vedor e porteiro do Concello.
Araque fai a traza para a nova ermida (que se conserva no AHPO) e inicia a súa construción, mais por razóns que se descoñecen non chega a remata-lo traballo, dado que en 1626 os mordomos asinan co mestre Alonso Rodríguez un novo concerto modificando os requisitos do anterior.
Ó igual que Araque, Alonso Rodríguez desenvolve outras actividades distintas do seu labor de canteiro que permitían mellorar ou complementa-la economía familiar xunto á súa muller Catalina Vázquez nas terras foreiras de Santo Estevo de Ribas de Sil. É neste mosteiro, como discípulo de Diego de Isla, onde se forma e recibe as primeiras encomendas: lousado dun patio e outras reformas en 1599; desfacer e reface-las tres capelas do claustro principal ó ano seguinte; outra serie de obras en 1611; en 1612 facer e muda-las fontes do mosteiro e en 1613 face-las fontes dos dous patios, así como construír un cuarto e cheminea no priorado de Pombeiro. A orde bieita
tamén lle encomenda en 1621 a obra dunhas torres e campanarios no mosteiro de Samos. No ano de 1626, xunto a outros mestres canteiros (logo dun primeiro intento frustrado), toma a continuación da construción do deambulatorio catedralicio. A obra transcorría a un ritmo lento pois os mestres non lle prestaban plena dedicación e non acudían a traballar a diario, feito que provocou a queixa do cabido en 1627 e o encarceramento dos seus compañeiros por parte do correxedor un ano despois, que el consegue eludir. Probablemente o vagar na construción, no seu caso, se debese á acumulación de contratos, pois no momento que é mestre da Catedral concerta tamén a obra da ermida do Posío e está sendo requirido ó mesmo tempo por D. Mendo de Puga y Nóvoa para que execute unha obra na súa casa de residencia na cidade, tal e como se tiña obrigado. No entanto, a finais dese ano de 1627, o cabido adxudícalle a
apertura dunha porta e construción dun poio na capela do Santo Cristo. A partir de aquí desaparece, moi probablemente refuxiado na súa terra, xurisdición de Santo Estevo, para así escapar da xustiza da cidade.
Segundo se desprende das noticias posteriores, Alonso Rodríguez terminou a estrutura da ermida, pois en 1631 comézase a equipa-lo interior, en boa medida, grazas ás esmolas e mandas testamentarias.
As doazóns deberon ir decaendo co tempo e a principios do século XIX o estado do edificio era ruinoso, véndense os retablos (1821), as columnas de pedra (1838) e finalmente o seu propio solar (1844) que se transformará en zona residencial, de forma que se perde o seu rastro físico.