DEZ - Nova Galega de Danza en Ourense
A danza ensáiase contra os espellos. Sobre ese reflexo vaise construíndo un código. Depúrase unha linguaxe que só pode ser humana porque só pode ser interpretada desde o corpo. Estamos afeitos a mirar o corpo, pero no sempre o entendemos. Estamos afeitos a vernos nós cando miramos un espello, pero non miramos que nos di o corpo.
Nova Galega de Danza estrea o segundo díxito do tempo. Cumpre dez anos e entra nesa dimensión dos uns e os ceros que parece ter reacomodado as formas do universo sin a obriga de cambialas. É unha dimensión de perpetuo cambio, de movemento infinito. Temos tendencia a simplificar en uns e ceros, pero non sempre se pode. Simplificamos e decimos que a tradición é un pasado de foto fixa. Pero non deberíamos deixarnos levar pola convención. Non hai nada tan movido como unha liña continua. Nova Galega de Danza optou pola lealtade operativa á tradición. Por iso leva dez anos transformándoa. Porque os elementos poden parecer os mesmos, pero as combinacións son infinitas.