Camilo Franco, xornalista en La Voz de Galicia, escribe: "Música que sucede. Hai uns anos púxose de moda o asunto aquel dos duetos como reclamo comercial. Chegaba calquera, chamaba a Bono (ao irlandés, ao manchego era para outro tipo de consultas) e montaban unha canción na que xeralmente había un orquestra completa arroupando. Por iso só se entende que se chamen duetos se a clase obreira tampouco conta para a música.
Coralie Yap Chine e Pablo Seoane fan un dueto de verdade. Son dous e fan música os dous. Ela canta e el toca o piano. En realidade fan dúas voces e aproveitan o amplísimo e xeneroso catálogo que ofrece o jazz para dar de cada canción unha versión diferente. Algún día consideraremos ao jazz como unha música tradicional coa que podes facer como queiras. Porque o jazz non é, o jazz sucede.
A música do dúo vai máis alá da solista co acompañamento, que é outra versión comercial que tamén se dou cando vocalistas de renome necesitaban formatos máis pequenos porque xa non enchían os teatros. O diñeiro manda en todo. Para eles é unha confluencia de músicas que teñen como centro o jazz canónico pero que, como sucede co jazz, admite calquera outra música: da bossa nova á chanson francesa, incluída o que pase por alí e quede ben nese espazo do terraceo no que o mundo parece moito mellor do que é".