Bakin Blues Band comeza o seu camiño como formación de blues no ano 2008 en Santiago de Compostela. Dende ese momento, iníciase unha ininterrumpida sucesión de concertos tanto nos circuítos institucionais como en locais privados. Dende as salas e clubs de Santiago de Compostela (Dado Dada Jazz Club, Sala Capitol, Auditorio de Galicia) ata ampliar o seu radio de acción progresivamente ao resto de salas de Galicia, Madrid, Euskadi, Portugal, etc. A día de hoxe, acolle na súa historia actuacións no Festival BluesnoSil (Ourense), Festival da Zona Histórica de Chaves, Feito a Man (Santiago) e en salas de Madrid como o prestixioso clube de blues “La Coquette” , Sala Moe ou a sé da Sociedade de Blues de Madrid, entre outras; tamén no Jazz Club “Be-Bop” de Donostia, etc.
Nese tempo, a Bakin Blues Band comparte escea con músicos do blues e do soul recoñecidos internacionalmente coma Barbara Lynn, Bonney Fields, Little Mike & The Tornadoes ou Marcos Coll; e tamén ben recoñecidos no estado español como Edu Bighands, Xulián Freire ou Tonky de la Peña, entre outros.
A formación base da Bakin é o quinteto integrado por: Javier Turnes (Voz, guitarra); David “Tato” Vázquez (guitarra); David Prieto (baixo); Ale Casquero (piano); Lucas Ferrández e Pablo Bárez (batería). Eventualmente pode ser completada por: Schilberto Carvalho (saxo)e Rafa Mississippi (armónica).
No 2013 a Bakin vén de facer unha intensa xira polos circuítos de Blues de Euskadi, Castilla e León (Béjar), Extremadura e Madrid presentado disco Jumpin' in a deep blue sea. Xira que remata coa grabación dos "Directos da Coquette", da man do prestixioso bluesman madrileño, Edu Bighands. Grabación que se editará ao longo do 2014 e na que colaboran grandes músicos da escea madrileña do blues como Xulián Freire, EduBighands, Pere Mallén ou Sergio e Pablo Bárez entre outros.
Diríamos que o poderío desta formación estriba precisamente na potencia dos seus directos, colleitando unha intensa e duradeira acollida dun público que goza escoitando esa enérxica mestura de blues de Chicago, soul e boogieboogie. Boa proba disto son os xa cinco anos que a Bakin Blues Band leva ofrecendo semanal e ininterrumpidamente os seus shows na cidade de Santiago de Compostela.