A restauración no museo. Criterios e intervencións
NOTA: Dada a boa acollida de público que está tendo a exposición, e para facilitar a súa vista, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e a Fundación Novacaixagalicia, acordaron mantela aberta ata o día de 9 de febreiro de 2014.
Con esta exposición achégase á sociedade unha das facianas menos coñecidas do traballo que ten lugar nun museo, facendo visible o cometido dos profesionais que o levan a cabo. As pezas que ilustran os diferentes procesos de conservación e restauración forman parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e abranguen un amplo abano cronolóxico con mestres escultores da talla de Juan de Juni ou Mateo de Prado.
Permanecerá aberta ao público no Centro Social Novacaixagalicia (Praza Maior, 4, Ourense) do 15 de novembro do 2013 ao 5 de xaneiro do 2014
Horario
De luns a venres de 17.30 a 20.30 h
Sábados, domingos e festivos de 12.00 a 14.00 h e 17.30 a 20.30 h
Entrada de balde
Con esta exposición preténdense acercar á sociedade unha das facianas menos coñecidas do traballo que ten lugar nun museo, facendo visible o cometido dos profesionais que o levan a cabo; este cometido concaténase co resto das atribucións que os museos teñen encomendadas e coa ocupación do resto dos seus traballadores, pois as funcións do museo, dificilmente se poden entender unhas sen as outras.
A conservación non só é necesaria para manter as pezas nunhas condicións axeitadas, que posibiliten a súa permanencia e legado, senón que tamén vai permitir afondar en aspectos relacionados coa xénese da propia obra, como materiais e técnicas de fabricación, procesos de cambio e manipulación, axentes de deterioración, etc.; é dicir, a súa intrahistoria, que vai redundar nun maior coñecemento da peza e do seu contexto.
As pezas que ilustran os diferentes procesos de conservación/ restauración forman parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e foron seleccionados atendendo a criterios obxectivos de estado de conservación, valoración histórico-artística, necesidade da súa presentación pública, etc.
A mostra, composta por máis de vinte esculturas de madeira policromada, un retablo e unha táboa pintada cunha crucifixión atribuída a Ambrosius Benson, abrangue un amplo abano cronolóxico, no que aparecen representados os diferentes movementos artísticos, e na que figuran mestres escultores da talla de Juan de Juni ou Mateo de Prado.
A exposición ábrese cunha presentación das actividades de conservación no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde se diferencian as tarefas de conservación preventiva e as de restauración; para pasar de seguido a amosar, en cinco seccións, unha serie de obras intervidas, acompañadas duns paneis explicativos que tentan dar a coñecer, polo miúdo, os procedementos e técnicas empregadas na institución, co fin de asegurar a transmisión, para o futuro, do patrimonio por ela custodiado..
A primeira sección da mostra, CRITERIOS, expón os principios que deben rexer todas as actuacións que se executen sobre calquera ben cultural, entre os que prima o coñecemento previo da obra; o establecemento da necesidade de intervir nela, pola súa necesaria conservación; o emprego de materiais e procesos axeitados, respectuosos co ben; o recurso a diferentes técnicas e análises, para establecer unha correcta caracterización ou diagnose; a decisión de acometer só os tratamentos precisos, primando os de conservación sobre os de restauración; ou o rexistro de toda a información obtida, froito deses variados procedementos e técnicas de análise e actuación.
De seguido, INTERVENCIÓNS SOBRE O SOPORTE e INTERVENCIÓNS SOBRE A POLICROMÍA ilustran os variados materiais constitutivos dos bens obxecto da mostra, a súa historia, os seus procesos de deterioración e aquelas accións ás que se tiveron que someter para asegurar a súa estabilidade e conservación.
Complétase a exposición coa presentación das intervencións sobre dúas obras singulares dentro dos fondos do Museo: unha táboa flamenca, CRUCIFIXIÓN, atribuída a Ambrosius Benson; e o RETABLO DE LAROÁ, procedente da capela da Anunciación,
na igrexa de san Pedro de Laroá.
Desde o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense entendemos que é necesario facer un esforzo para divulgar o traballo que en materia de conservación se vén desenvolvemento nas institucións museísticas.