Noticias de Hoy
1 Mostra internacional de teatro de ribadavia 2022
Fecha: 15/07/2022 a 24/07/2022
Horario: 01:00 a 01:00

38ª edición da Mostra Internacional de Teatro Ribadavia

Do 15 ao 24 de xullo, Ribadavia porá no centro a escena máis innovadora, con estreas de espectáculos multidisplinares e de gran formato no Castelo, íntimos na Igrexa da Madalena e máis festivos en sete diferentes localizacións nas rúas da fermosa paisaxe do Ribeiro.

Un coherente programa en dez días, con tres coproducións, 21 actuacións, entre as que destacan a estrea e presentación en Galicia do traballo de artistas internacionais de Perú, Portugal, México ou Mozambique, como a prestixiosa directora Chela de Ferrari ou a compañía portuguesa Nome Próprio (con Victor Hugo Pontes e Joana Craveiro).

Por primeira vez en Galicia tamén poderemos ter no festival da teatral vila de Ribadavia os cataláns Xavier Bobés e a compañía La Calòrica ou un dos espectáculos revelación da temporada, La infamia, a partir das memorias da periodista mexicana Lydia Cacho, valente e comprometida activista que loitou contra a violación dos Dereitos Humanos nun país onde exercer o xornalismo de investigación e pelexar contra a corrupción supón unha actividade de alto risco.

A edición de 2022, ademais de recuperación da plena dimensión internacional, tamén concede importancia á dramaturxia galega actual, con traballos dos máis destacados autores e autoras de teatro, coma Esther Carrodeguas ou Ernesto Is. Carrodeguas estreará unha conferencia-espectáculo a partir da tétrica historia de violencia contra as mulleres rapadas do franquismo e Ernesto Is terá protagonismo con dous espectáculos mais a presentación dun libro, o Premio Abrente da pasada edición.

Resituar no centro o que tradicionalmente se deixou nas marxes, ese é o reto da 38ª edición da MIT, que reúne un conxunto de espectáculos que abordan temas ou asuntos relacionados coa marxinación, as súas causas e consecuencias. Un claro exemplo pode ser o espectáculo MARGEM, dos porttugueses Nome Próprio, un espectáculo protagonizado por adolescentes e inspirado nos nenos sen teito, no abandono que sofren os máis vulnerables en San Salvador de Bahía, un impactante espectáculo que mestura música, memorias, experiencias, capoeira, acrobacia, fútbol, danzas urbanas… Un espectáculo que recibiu importantes recoñecementos e premios na súa categoría en Portugal e está a percorrer os escenarios máis importantes de Europa. Chega a Galicia da man da dramaturga Joana Craveiro e do prestixioso coreógrafo Victor Hugo Pontes, inspirado tamén na novela Capitães de Areia, de Jorge Amado.

Esta mestura de música, danza, palabra e imaxe non será o único espectáculo destas características da MIT 2022. Se Margem conta con 12 intérpretes en escena, non é menos numeroso o espectáculo galego Demente, que aborda as enfermidades mentais dende a fusión de música, canto (con Aida Tarrío de Tanxugueiras en escena) e un suxerente deseño de indumentaria. A peza plasma unha realidade, un estigma, unhas patoloxías que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento das súas vidas unha de cada catro persoas. A reclusión prácticamente carceraria das persoas “dementes” en tempos pasados, os amoreamentos de persoas enfermas, as contencións mecánicas totais e parciais, así como as contencións químicas (antipsicóticos e outros medicamentos), os suicidios (“O tolo cando entraba no manicomio só lle quedaba esperar a morte.”), a explotación da enferma, “os almacéns de carne humana”… É necesaria a integración na sociedade e a normalización como outro tipo de doenza, loitar contra o estigma. Estas e moitas outras cuestións serán tratadas en escena. Como se dicía nunha carta dunha persoa “demente” ao director do Manicomio de Conxo nos anos 40: “no son los pobres locos reconocidos los que hacen daño al planeta, sino los grandes locos por reconocer”.

Outro estigma é o das persoas con Síndrome de Down. Por iso abrimos cun gran espectáculo, versión libre de Hamlet que a directora peruana Chela de Ferrari realiza para ser protagonizado por persoas con Síndrome de Down. Unha obra de alta beleza, onde as palabras de Shakespeare cobran un significado inaudito. Dende o humor, dende a emoción, dende a festa, a obra é un tecido entre o texto do bardo inglés e a vida dos actores e toma como punto de partida a pregunta que nos formula fronte á existencia. Ser ou non ser? Que implica ser para persoas que non encontran espazos onde se lles teña en conta? Teatro La Plaza é quizais o teatro máis presixioso de Perú e chega por primeira vez a Galicia cun espectáculo que seguro será unha experiencia memorable.

Viaxamos de Perú a México. No país máis perigoso para ser periodista e activista, hai mulleres que se enfrontan ao crecente poder político da delincuencia organizada. Unha delas é Lydia Cacho, quen desafía a políticos, mafiosos, pederastas e feminicidas. Esta gran función que se presenta na MIT, titulada La infamia, está baseada na súa biografía, Memorias dunha infamia, onde se retrata o modus operandi dun goberno cómplice da corrupción e a violencia, ademais do valente testemuño de mulleres e nenas do seu país. Un espectáculo inmersivo, do denominado xénero de teatro verbatim, teatro documento con impactante linguaxe audiovisual que pon no centro a unha heroína contemporánea exiliada en España, á que o Goberno lle concedeu recentemente a nacionalidade para acollela como refuxio ante o serio perigo que corría esta periodista de investigación que destapou historias de corrupción do seu país e polo que foi distinguida co Premio Harold Pinter for International Writer Courage no Reino Unido. Desafiou e denunciou a mafiosos, políticos e multimillonarios que abusaron do seu poder. Agora a súa historia atrapa a mirada do mundo, tamén cun espectáculo maxistral.

O teatro de obxectos terá moita importancia, ademais da danza, do teatro de do circo. Teatro de obxectos e formas animadas para adultos, para historias poéticas, de grande beleza e emoción coma as que nos traen Xavier Bobés e Alberto Conejero ou a compañía El Patio, Premio Ojo Crítico de RNE da pasada edición, na modalidade de Artes Escénicas. El Mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca, é a historia dunha promesa que non se puido cumprir, a que fixo un mestre aos seus alumnos. O mestre era Antoni Benaiges. Os alumnos eran os nenos e nenas da escola rural de Bañuelos de Bureba, unha aldea da provincia de Burgos. A promesa fíxoa un día de inverno de 1936. Prometeulles o mar. Un gran texto do dramaturgo Alberto Conejero. Ademais do espectáculo, Xavier Bobés ofrecerá un curso-obradoiro os días 19 e 20 de xullo na Casa da Cultura de Ribadavia, en colaboración con AISGE e a AAAG. Pola súa parte, El Patio, presenta Conservando memoria na Igrexa da Madalena, como homenaxe a todos os avós. Do mesmo xeito, AMA, da compañía vasca que nos encandilara hai uns anos con Amour en Ribadavia. Esta é unha peza que fala da fortaleza dunhas persoas fráxiles e asustadas. É un canto á beleza épica do coidado mutuo. Do coidado dos nosos anciáns, eses que van morrendo pouco a pouco, levando con eles parte da nosa propia vida. Dúas pezas emotivas, sensibles e de gran beleza para rematar a MIT o 24 de xullo.

A memoria está transversalmente presente en moitos espectáculos, pero quizais o máis evidente é o da revisión dende as preguntas e as respostas que demandan sobre o noso pasado as xeracións máis novas. Iso acontece con A lúa vai encuberta, unha unión temporal de dúas compañías, A Quinta do Cuadrante e Incendiaria, coa que conseguiron o II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e receptemente o Premio María Casares á mellor adaptación. En A lúa vai encuberta atoparemos un revisión humorística e crítica sobre un pasado e un momento de construción de soños e frustracións das bases da nosa cultura e da nosa política. Manuel María era un apaixonado por Ribadavia e pola Mostra e no marco desta edición anunciaranse novidades que refrendarán un selo de compromiso con este autor relevante da nosa historia e do noso teatro.

Ademais das novidades, das descubertas, de procurar ser punta de lanza, o festival tamén quere acompañar e ofrecer unha continuidade da evolución de artistas que se deron a coñecer ao longo dos últimos anos na MIT, como a compañía catalá José y sus hermanas. Nesta ocasión chegan cun espectáculo redondo, punzante, coa estrutura dun produto audiovisual retro para falar da burbulla inmobiliaria, do turismo agresivo, da España do desenvolvemento económico, da globalización. Con ironía e crítica, como selo da casa desta nova compañía, presentarán Explore el jardín de los Cárpatos.

Seguramente unha das grandes sorpresas desta edición vai ser descubrir a forza e solvencia da nova compañía La Calòrica, de Cataluña. Chegan cunha versión de Aristófanes, Las aves, unha farsa política desternillante, como a definiu a crítica. Un gran traballo de dramaturxia, de dominio da comedia, de dirección e de vestiario. Unha posta en escena fresca e irreverente para un público amplo que mestura ben os ingredientes que tamén definen á MIT, vangardista e popular, renovadora e exploradora.

Presentacións de libros, foros despois de cada espectáculo, actividades de mediación coma a terceira edición de “A miña primeira MIT”, O 1º Encontro interxeracional das Artes Escénicas de Galicia, as Residencias Artísticas de Pablo Lilienfeld e Federico Vladimir, prestixiosos artistas que están a desenvolver o proceso da súa peza “Mónica” entre Galicia e Bruxelas, converten a Ribadavia na capital por excelencia do teatro en Galicia.

Memoria, humor, beleza onde nos dixeron que non a atoparíamos, revelación, escena híbrida, queer, interxeracional, iso é o que guía a MIT 2022.

A reserva de abonos para todos os espectáculos do Castelo poderá realizarse entre o día 15 e o 30 de xuño e a partir do 1 de xullo poderanse mercar as entradas de todos os espectáculos na páxina web www.ataquilla.com ou na propia oficina do festival, na entrada da Praza Maior de Ribadavia. O prezo varía entre os 5 e os 10 euros.

A MIT conta co apoio do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte, a AGADIC-Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, diversos patrocinadores privados, o propio Concello de Ribadavia.Máis información en:

PROGRAMA 38ª MIT RIBADAVIA 2022

15-24 XULLO

Día 13 // MÉRCORES

  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Teatro do Vilar. Apoio ao teatro afeccionado de Ribadavia.

Día 14 // XOVES

  • 21:00 – Salón de Actos da Casa do Concello – Presentación do libro Profetas, de Ernesto Is (Premio Abrente 2021).
  • 22:00 – Resolución do 17º Premio Abrente.

Día 15 // VENRES

  • 20:30 Inauguración oficial da MIT 2022. Igrexa da Madalena. Concerto de Sheyla Patricia (Galicia).
  • 21:00 Entrega do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” ao mérito nas artes escénicas e do Premio Abrente de Textos Teatrais 2022.
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Hamlet – Teatro La Plaza – Perú.
  • 00:30 – Foros MIT. Coloquio con Chela de Ferrari, directora. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 16 // SÁBADO

  • 20:00 – Igrexa da Madalena – Mónica – Federico Vladimir e Pablo Lilienfield – Galicia. Residencias Paraíso.
  • 21:00 – Alameda (Ruadavia) – Sofá – Marta Alonso Tejada, en coprodución coa MIT de Ribadavia – Galicia.
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Las aves – La Calòrica – Cataluña.
  • 00:30 – Foros MIT. Coloquio con Joan Yago, dramaturgo. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 17 // DOMINGO

  • 20:30 – Igrexa da Madalena – Rapadas – Esther Carrodeguas – Galicia.
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – La infamia – Teatro Español e Producciones Come y Calla – Madrid.
  • 00:30 – Foros MIT. Coloquio con José Martret, director. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 18 // LUNS

  • 20:30 – Sampaio – Arte sen guión – Galeatro – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Demente – Cía. Fran Sieira – Galicia.
  • 00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 19 // MARTES

  • 20:30 – A Franqueirán – Arte sen guión – Galeatro – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Margem – Nome Próprio – Portugal.
  • 00:30 – Foros MIT. Coloquio con Joana Craveiro e Victor Hugo Pontes. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 20 // MÉRCORES

  • 20:30 – Francelos – POI – D’Es Tro – Illas Baleares. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Explore el jardín de los Cárpatos – José y sus hermanas – Cataluña.
  • 00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 21 // XOVES

  • 20:00 – Igrexa da Madalena – Relato para un incendio – A Antena, en coprodución co CDG e a MIT – Galicia.
  • 21:30 – San Cristovo – Meeting Point – Ertza – País Vasco. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
  • 23:00 –Auditorio “Rubén García” do Castelo – El mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca – TNC, Xavier Bobés e FITT de Tarragona– Cataluña.
  • 00:30 – Foros MIT. Coloquio con Xavier Bobés e Alberto Conejero. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 22 // VENRES

  • 20.00 – Auditorio “Manuel María” da Casa da Cultura. Presentación do libro A lúa vai encuberta, de Manuel María.
  • 21:30 – Santo André – O tempo diz – Ertza – País Vasco e Mozambique. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – A lúa vai encuberta – Incendiaria e A Quinta do Cuadrante – Galicia.
  • 00:30 – Foros da MIT. Coloquio con Vanesa Sotelo e Tito Asorey. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 23 // SÁBADO

  • 13:00 – Igrexa da Madalena. Presentación do libro O péndulo.
  • 20:30 – Alameda (Ruadavia) – Quixote – Pedras de cartón – Galicia.
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – O péndulo – Inversa Teatro, en coprodución co CDG, a MIT de Ribadavia e a Deputación de Pontevedra – Galicia.
  • 00:30 – Foros da MIT. Coloquio con Marta Pérez e Ernesto Is. Museo Sefardí.

Día 24 // DOMINGO

  • 19:30 – Museo Etnolóxico – 1º Encontro Interxeracional das Artes Escénicas de Galicia.
  • 21:00 – Igrexa da Madalena – Conservando memoria – El Patio – La Rioja.
  • 23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – AMA – Cía. Marie de Jongh – País Vasco.
  • 00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.