No histórico lugar da cultura ourensá, 2naFronteira presentan por primeira vez na cidade o seu disco ALMA. Ademais presentaranse temas novos con poemas de Otero Pedrayo e Díaz Castro (Letras Galegas 2014).
O dúo 2naFronteira nace en Italia no 2008, do encontro entre a cantante galega Carmen Penim, orixinaria da fronteira de Ourense con Portugal, no Couto Mixto, e o pianista romano Maurizio Polsinelli. No 2011 publican o seu primeiro disco xuntos HUMO EN LOS OJOS basado en poemas de Carmen que foran editados como poemario "Cambio versos por champán". Ambos os dous, licenciados en filoloxía e apaixonados pola poesía, compoñen os seus propios temas e escriben a música para poesías da tradición española (Generación del 27, os Seis poemas gallegos de Lorca, Góngora, Garcilaso...) e a tradición galega. Os seus concertos son sempre unha mostra de paixón e calidade técnica. No seu novo disco ALMA introducen tamén o uso do harmonio, instrumento de resonancias antigas que casa ben coa exploración que actualmente ambo os dous músicos realizan nas tradicións populares e cultas da música galega.
O nome de 2nafronteira describe o eclecticismo musical deste dúo e a súa intención de seguir investigando sen pecharse a ningunha posibilidade compositiva ou de colaboración no futuro.
Web: www.2nafronteira.com