Noticias de Hoy
fiv vilalba 2022
Localidad: Vilalba
Fecha: 22/04/2022 a 24/04/2022
Horario: 01:00 a 01:00

FIV 2022

A conta atrás comezou. En menos dun mes, o FIV de Vilalba volverá tinguir de rosa fucsia a localidade que lle viu nacer fai xa quince edicións. Do 22 ao 24 de abril, o FIV acollerá este 2022 un dos carteis máis completos que se lembran.

Unha oferta musical que naceu anos atrás, ao amparo das Festas Patronais de Vilalba, e que, tras máis dunha década de historia, foi adaptándose aos tempos ata converterse nun referente do calendario festivalero nacional. A partir da cuarta edición, o festival adquiriu entidade propia, celebrándose ininterrompidamente nos meses primaverais ano tras ano; ata a chegada da Covid19. Agora, por fin, o FIV volve á súa orixe e abrirá de novo a tempada de festivais ao grande, xa que a oferta vai moito máis alá da música.

Trátase dun evento único que funciona ademais como dinamizador cultural do territorio, xa que durante o mesmo, a música mestúrase con outras disciplinas atractivas que completan a experiencia. De novo, nesta edición, o FIV de Vilalba e o Concello de Vilalba darán continuidade á programación paralela ao festival, que pasa por unha oferta gastronómica de primeiro nivel, a experiencia na zona de acampada… Todo ao dispor dun público moi fiel que contará, como sempre, cunha proposta apta para todas as idades. O festival conta ademais co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que xera encontros en torno ao directo.

O FIV abre a tempada do calendario festivalero, e faino ao grande. Cun exquisito cartel que aúna bandas e artistas de primeira liña do panorama indie nacional e galego. Pois Sen Senra, Viva Suecia, Natalia Lacunza, La La Love You, Rufus T. Firefly, Cupido, Carlos Sadness, Baiuca, Forget la france, Delafé Dj Set, Idoipe, la Banda de Música de Vilalba, The Zephyr Bones, Kokoshca, Juárez, Fábrica de Espejos e as sesións dj a cargo de Rapariga Dj, Isaac Peces, Saya e Russ conforman unha das programacións máis completas que se lembran. Un total de dezanove propostas que chegan ao festival con novas cancións, novos discos e mesmo estreando material a piques de saír.

Vilalba gozará durante esa fin de semana das diversas actuacións e actividades, que estarán repartidas entre os escenarios situados na Praza da Constitución -o Escenario Emerxente-, e no Campo da Feira -o Escenario FIV-, albergando este ano un aforo para 5.000 persoas. Un evento que garantirá, en todo momento, a seguridade de público e artistas seguindo os protocolos sanitarios vixentes durante a súa celebración.

 
PROGRAMA FIV 2022