Noticias de Hoy
copying beethoven
Fecha: 10/12/2013
Horario: 20:00

Copying Beethoven

A Fundación Novacaixagalicia proxectará o martes 10 de decembro, en Lugo, a produción estadounidense Copying Beethoven, nun pase único ás 20.00 h no Centro Sociocultural da entidade, na Praza de Santa María, s/n, con entrada libre ata encher a capacidade. A película, dirixida en 2006 por Agnieszka Holland, está baseada nunha ficción dramática centrada nos últimos anos da vida creativa do compositor Ludwig van Beethoven. A directora da película permítese algunha licenza histórica a prol de mellorar o interese lírico da peza. Con Ed Harris e Diane Kruger como protagonistas, o filme conta a historia do momento en que Beethoven está a rematar a súa Novena Sinfonía baixo a presión da súa inminente estrea ao que se suman os problemas que a súa xordeira lle ocasiona. Un personaxe de ficción é introducido na trama da película: Anna, Diane Kruger, unha intelixente estudante do conservatorio de música que, con só 23 anos, aspira a ser compositora, mais a súa escaseza de medios llo impide. O compositor contrátaa como copista, pero con reservas xa que é unha muller nun mundo tradicionalmente exclusivo de homes. Ela demostrará os seus grandes dotes no eido da música e deixará sorprendido ao propio Beethoven.

Con esta proxección o Centro Sociocultural da Fundación Novacaixagalicia en Lugo conclúe o ciclo «Cine para os sentidos», que ofreceu unha serie de películas nas que os cinco sentidos eran os protagonistas. Vista, olfacto, oído, gusto e tacto adquiren distintas formas de representación na gran pantalla. Desde as orixes do cine mudo e ata os nosos días, o cine tivo sempre a gran capacidade de estimular os nosos sentidos grazas ao poder evocador das súas historias e a forza das súas imaxes.

A Fundación Novacaixagalicia, entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.

⚙ Configurar cookies