En Lugo con homenaxes a Luis Tosar e a Benedicta Sánchez
A Semana de Cine, adiada en setembro agardando a mellora das condicións sanitarias, vai ter lugar do 23 ao 28 do presente mes de novembro, coas restriccións que sexan precisas de acordo co que dispoñan as autoridades na materia de espectáculos públicos.
Será a través dunha carteleira de máis de 100 longas e curtametraxes procedentes dunha ducia de países, que poderán verse en seis espazos da cidade: Auditorio Gustavo Freire, Salón de Actos da Deputación, o Museo e a Biblioteca provinciais, o Vello Cárcere e o Vicerreitorado da Universidade.
Esta 42ª edición articularase arredor de sete seccións, cunha especial atención ao cinema iberoamericano e galego. É o caso das 18 curtametraxes do apartado La otra orilla e dos 10 filmes que compoñen a Sección oficial, entre os que hai producións de Arxentina, Brasil, Ecuador, España, México, Canadá e Croacia, así como as galegas As mortes, en coprodución co Chile, e Eu tamén necesito amar. Pola súa banda, en Cine galego amosaranse 27 longas e curtametraxes, entre as que se atopan títulos como Xoves de comadres, de Noemí Chantada; 16 de decembro, de Álvaro Gago, ou Os prexuízos da auga, de Santos Díaz.
Tamén galegas son as películas que se exhibirán nas respectivas homenaxes que a Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo lles renderá a Luís Tosar coa proxección de Quien a hierro mata e a Benedicta Sánchez con O que arde.
Completan a ampla proposta deste ano, para a que a entrada será gratuíta e con límite de capacidade segundo os protocolos de sanidade vixentes, as seccións E para comer Lugo, en colaboración con Galicia Calidade, Cine documental e As curtas cine son.
Consulta a programación no seguinte enlace