Mulleres en acción: Violencia zero 2018 en Pontevedra

Fecha 1-04-2018 a 31-10-2018
Lugar
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

 

Mulleres en acción: Violencia zero 2018 en Pontevedra

A Solas de Amparo Novas

Abril/abril de 2018

Amparo Novas (danza contemporánea), Barro:

Coreografía: Amparo Novas

Música: Myriam Cortizo A solas é unha peza de danza contemporánea que amosa a fraxilidade e fortaleza dunha muller en situacións críticas. É unha muller en soidade, consigo mesma, loitando contra os seus medos. Mostra unha muller ás veces afundida polas adversidades da vida pero que se consegue levantar e tirar para adiante. É unha peza que visibiliza a discriminación sufrida pola muller, pero mostra tamén a fortaleza intrínseca das mulleres e a súa capacidade de resiliencia.

Gena Baamonde (acción escénica), A Cañiza

Territorio Sistema de ordenamento e explotación que configura a nosa paisaxe. Áreas do territorio susceptibles de aproveitamento cinexético. Espazos recreativos que gozan dun desenvolvemento crecente. Cinexeticamente Numerosos indicadores permiten entrever un auxe cinexético de avance imparable. Crecemento do número de actividades e da cantidade de membros integrados nelas. Beneficios económicos de alcance considerable tanto da práctica coma dos efectos colaterais. Non deben esquecerse as partidas derivadas do turismo cinexético para o que o territorio español conta con alicientes de prestixio internacional. Ordenado Este masivo interese polo venatorio deixa innumerables xornadas en diversos puntos da xeografía peninsular en función do tipo de caza do cliente. Se a pretensión é ordenar esta actividade, haberá que coidar ao máximo a oferta e a infraestrutura de xeito que satisfaga a demanda latente.

Maio/mayo de 2018

ST de Minia Regos

Minia Regos (graffiti/mural), Valga

Dotamos os obxectos cotiáns dunha carga simbólica moi significativa, servíndonos deles para a construción, entre outros, dos chamados estereotipos de xénero. Neste proceso simbólico de imposición e reprodución dáse unha sorte de deformación do significado no referente aos usos e á pertenza, imprimíndolles a estes obxectos unha carga de xénero que a sociedade, máis ou menos conscientemente, asimila como normal. Estes obxectos agora están listos para seren usados coma armas de control dentro das xerarquías de poder, autoridade e submisión. A persecución do empoderamento da muller continúa vixente. Nesta obra os obxectos cotiáns desvelan a súa violencia subrepticia. Desvélanse coma trampa, coma arma e coma castigo. Fan referencia á imposición, á persecución e á cousificación da muller.

Dúas (percusión), Silleda

Por medio de dous instrumentos de percusión moi diferentes en canto á sonoridade, preténdese representar dúas personaxes inmersas nunha acción, unha historia, unha vida, unha decisión; esa decisión que ás veces é tan difícil de tomar debido ao medo, á presión, ao pánico… Intentarase plasmar a vida dunha muller que se sente atada, psicolóxica e fisicamente. Ao longo da acción verase unha evolución, todo vai cambiando, pódese dicir que a muller non se esquece de pensar por si mesma e recupera a conciencia de que ela leva as rendas da súa vida e, o máis importante, o poder de DECIDIR. Que decidirá?

Xuño/junio de 2018

Lara Torres (graffiti/mural), Catoira

A violencia de xénero é un grave problema que hai que erradicar. Nesta obra o que se pretende destacar é a importancia do apoio que as vítimas necesitan recibir. É fundamental que se sintan apoiadas e protexidas polo seu contorno máis próximo para non ter medo de romper esa roda que as escraviza e mortifica. Ademais, cando teñen fillas e fillos a situación vólvese máis complexa, xa que se lles presentan moitos máis obstáculos para poder liberarse por fin. A familia, as amizades, todo o contorno ten que axudar. Nesta obra trabállase cos conceptos de unidade e apoio.

Mullieres de Inherte Teatro

Inherente teatro (acción escénica), Gondomar 

Nesta ocasión, Inherente explora o teatro de rúa cunha proposta chea de contrastes, como é costume na compañía, que non deixa de sorprender con cada unha das súas pezas teatrais. Mullieris reflexiona desde o visual e o poético, sobre a nosa posición no mundo contemporáneo no día a día, partindo desde o cotián en busca dos límites do socialmente aceptado.

Xullo/julio de 2018

Uxia (música), A Guarda

A música como empoderamento e arma favorecedora da autoestima. Unha intervención musical participativa na que se pide ao público que traia diferentes instrumentos de percusión (cunchas, pandeiretas, paus, etc.) para formar parte dun canto colectivo cheo de forza, guiado por unha das voces máis populares de Galicia.

Indiferencia de Paula Fraile

Paula Fraile (graffiti/mural), A Illa de Arousa

A acción consistirá na realización dun mural cuxa imaxe final estea baseada nunha serie de reflexións sobre as situacións reais violentas e machistas que viviu persoalmente nos últimos anos. Esta imaxe buscará a oposición á violencia mediante a vibración da cor.

Agosto/agosto de 2018

Carmen Quinteiro (acción poética), Bueu

Un espazo e os acubillos –repartidos como niños– do que é no noso día a día e as mensaxes que habitan neles. Textos e debuxos feitos por nenas e nenos. Haberá unha lectura de textos coa seguinte intención: “A infancia pasa moito tempo –sempre demais– tentando amoldarse a ese espazo vital (niño familia, niño sociedade) e aos seus estereotipos, sexan do tipo que sexan. É momento de facer limpeza xeral e deter o noso día a día: botemos unha ollada ao niño que estamos a construír, porque negar a diversidade e ao mesmo tempo a igualdade é ter unha mirada absolutamente cega sobre o que é a vida. Quen che diga que o niño que levas herdado desde que naces non determina o teu voo, que o pense mellor”.

Sonia Rúa (acción escénica), Moaña

“(…) Cristo é a cabeza de todo varón, e o varón a cabeza da muller (…) O varón non debe cubrir a cabeza, xa que el é a imaxe gloria de Deus; pero a muller é gloria do varón. Porque o varón non procede da muller, senón a muller do varón, e tampouco o varón foi creado por causa da muller senón a muller por causa do varón”. 1 Corintios 11: 3, 7, 8, 9 “(…) Non chego a entender que utilidade pode ter a muller para o home, se se exclúe a función de concibir nenos”. Santo Agostiño de Hipona, Pai da Igrexa “As mulleres non deben ser iluminadas nin educadas de ningunha maneira. De feito deberían ser segregadas, xa que son causa de insidiosas e involuntarias ereccións nos santos varóns”. Santo Agostiño de Hipona, Pai da Igrexa “Por canto as fillas de Sión se ensoberbecen e andan co pescozo erguido (…) O Señor rapará as súas cabezas, e Xehová descubrirá as súas vergonzas”. Isaías 3: 16-17 P.D. MAL-DITAS

Setembro/septiembre de 2018

Mónica Caamaño (acción escénica), O Porriño

Ata cando? Ata cando calando? Ata cando atacándonos? Ata cando atoutiñando na sombra? Hai palabras que feren porque enraizaron nas arestas da pedra. Afogadas na opacidade disfrazada de transparencia ou inxectadas de filosofía light, esquecemos construír novos camiños e teimamos no uso dos tempos pasados, cando a nosa fala, a nosa vida, naceu chea de futuros conxugados. STOP! Conquistaremos as cores. Dirannos guilladas cando comecemos a agatuñar polas pólas, lonxe das raíces podres, bañadas de luz. E mudaremos a pel na procura dos códigos comúns. Porque temos a vontade de facer nosas as palabras, para que canten os nosos soños e esquecermos a saudade. Si, conquistaremos as cores.

Mulleres da Terra de Cestola na cachola  

Cestola na cachola (graffiti/mural), Ribadumia

Mural no que se representan mulleres con semente de cambio e pés na terra.

Outubro/octubre de 2018

Nieves Rodríguez (acción escénica), Vilagarcía de Arousa

Esta peza de acción escénica está baseada nos micromachismos, comportamentos abusivos e continuados por parte de quen os exerce cara ás mulleres, invisibilizados e naturalizados na sociedade e que teñen como finalidade conservar a súa posición de xénero. Nesta representación o obxectivo é facer visible a metamorfose que sofre unha muller ante estes pequenos xestos discriminatorios, ofensivos e intimidatorios. Unha involución lenta pero continuada que pasa por diferentes fases (negación, asimilación, adaptación) e que ten como resultado final a morte, sexa real ou figurada. Porque aínda que moita xente pense que ao non ser violencia física non se pode cualificar como tal, os micromachismos deixan marca no máis íntimo de nós, nese curruncho da nosa cabeza que fai que funcionemos tal e como somos, coas nosas virtudes e os nosos defectos, e que todos deberían respectar. Ao ferir, ao lixar ese mecanismo, ficamos indefensas e comezamos a morrer.

 Nexos de Exire

Exire (grupo de hip hop & danza contemporánea), Mondari

Percorrido por momentos que quedaron gravados no noso corpo e deixan ver dous seres reais, imperfectos, peculiares, fermosos… Soltamos o peso da mirada dos outros, abrazamos a propia persoa e recoñecémonos para decidir amosar o que escollemos ser, ao fin e ao cabo gozamos de ser un mesmo… a única persoa coa que se está obrigado a vivir.

Novembro/noviembre de 2018

Mar Caldas (performance), O Rosal

“Que sería das mulleres sen o alento e o apoio en situacións de crise que son tantas. Non sobreviviriamos aos avatares da vida sen outras mulleres coñecidas e descoñecidas, próximas ou distantes no tempo e na terra. (…) Que sería das mulleres no patriarcado sen a armazón de mulleres ao redor, ao seu carón, detrás dunha, adiante, guiando o camiño, aguantando xuntas. Que sería de nós sen as nosas amigas? Que sería das mulleres sen o amor das mulleres?” Pacto entre mujeres sororidad, Marcela Lagarde 100% contigo é un proxecto co que se quere convidar a tecer e soster lazos de solidariedade entre nós, desde unha vontade política de xénero. Traballarase co contexto, tentando involucrar a comunidade.

Publicidad

Los comentarios se han cerrado.

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×