Día de Rosalía 2021

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

Pontevedra

Cada ano desde o Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra súmase á celebración do Día de Rosalía cun acto institucional que ten lugar arredor do día 24 de febreiro, data na que se conmemora o seu nacemento. Levarán a cabao as seguintes accións:

– A Nosa Rosalía

Desde a Deputación de Pontevedra, co obxectivo de homenaxeala e achegarlle a súa figura e legado ao público máis novo, ponse en marcha o concurso creativo de debuxo infantil A Nosa Rosalía. Esta convocatoria está dirixida a todo o alumnado dos centros de Educación Primaria da provincia de Pontevedra, que poderán participar, de maneira individual, elaborando un debuxo inspirado na personaxe, vida ou obra de Rosalía de Castro. Para iso dispoñerán dun documento modelo, que se poderá descargar na páxina web da Deputación: www.depo.gal, no que realizarán o debuxo e incluirán os seus datos. Unha vez finalizado, entregaranllo á súa mestra ou mestre ou á Dirección do centro para que llo remitan escaneado a cor ao correo electrónico: anosarosalia@depo.gal

Categorías nas que poderán participar:

Categoría “Campaniñas”: 1.º, 2.º e 3.º de Primaria (de 6 a 9 anos)
Categoría “Airiños”: 4.º, 5.º e 6.º de Primaria (de 9 a 12 anos)

Data límite para o envío dos debuxos: 19 de febreiro de 2021

Cantas máis alumnas e alumnos da aula ou do centro participen, máis posibilidades de recompensa haberá para o grupo, xa que, ademais dun pequeno agasallo didáctico para os debuxos seleccionados e centros participantes, os mellores debuxos de cada categoría, que serán anunciados o día 24 de febreiro, conseguirán como premio especial para o seu colexio unha actividade lúdica e participativa sobre Rosalía con formato de obradoiro a cargo de Polo Correo do Vento. Esta actividade realizarase no propio centro nunha data que se deberá convir coa Dirección deste, dentro do curso e horario escolar.

– Proxectando a forza de Rosalía!

Proxección de frases ou versos de Rosalía nas fachadas emblemáticas da Deputación e nos concellos da provincia.

O propio día 24 prenderanse de forma simultánea a palabra e a mensaxe de Rosalía en varios puntos da provincia, concretamente en edificios públicos dos concellos de Silleda, Caldas, Bueu, Salvaterra, Oia e O Rosal. O Servizo de Comunicación foi o encargado da ilustración do cartel e do deseño para proxectar as frases ou versos de Rosalía sobre as fachadas do Pazo provincial, da sede de Vigo e dalgúns edificios públicos de concellos da provincia. Nos edificios da Deputación permanecerán durante unha semana. Anímase a compartir a través das vosas fotos a palabra de Rosalía:

#CoaForzadeRosalía #DíadeRosalía #ADepoconRosalía

– 24 de febreiro, celebración do Día de Rosalía

Terá lugar un acto no Pazo provincial da Deputación en Pontevedra pola mañá e na sede de Vigo pola tarde

Realizaremos un pequeno acto institucional, sen público presencial, que poderá seguirse de forma virtual a través das canles da Deputación de Pontevedra. Nel participarán en remoto nenas e nenos que lerán algúns poemas de Rosalía da súa escolla.

Ademais das intervencións institucionais, sumaranse á proposta da AELG coa lectura do manifesto polo Día de Rosalía elaborado este ano por Anna R. Figueiredo. Anunciaranse tamén os gañadores e gañadoras do concurso de debuxo A Nosa Rosalía, contarase coa actuación de Uxía, que interpretará algúns poemas do seu disco Rosalía pequeniña e cun servizo de interpretación en lingua de signos para fomentar a participación e a inclusión da mensaxe universal de Rosalía.

Pola tarde, na sede de Vigo, o mesmo acto completarase co prendido da proxección sobre a fachada.

Cambados

Concello de Cambados únese un ano máis á celebración do Día de Rosalía de Castro o mércores 24 de febreiro. Por ese motivo, a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística decidiu agasallar con libros e rosas ás persoas que se acheguen ese día a calquera das catro librarías existentes en Cambados para mercar un libro en galego.

O concelleiro Tino Cordal quere lembrar que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora dende o ano 2010 o Día de Rosalía, propoñéndolle á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas. O Concello de Cambados, ao igual que outros concellos, únese a esta proposta con entusiasmo, dado o firme compromiso do goberno municipal cambadés co noso idioma.

Así, o mércores 24 de febreiro, as primeiras 24 persoas que merquen un libro en galego nalgunha das catro librarías cambadesas (Ramón Cabanillas, Castelao, Contos e Nobel) recibirán como agasallos o libro editado polo Concello de Cambados Ramón Cabanillas Enríquez. Esta é a súa historia e unha rosa. Con esa finalidade, o Concello repartirá 96 libros e 96 rosas entre os devanditos establecementos.

Con esta iniciativa, o goberno municipal pretende conmemorar esta data tan importante para a cultura e a lingua galega, e ademais amosar o seu apoio ás librarías cambadesas, que, ao igual que todo o sector do comercio, está a padecer as consecuencias da grave crise ocasionada pola expansión da pandemia da Covid-19.

É precisamente a existencia desta pandemia a que impide que o Día de Rosalía se poida celebrar con máis actividades. Pois a Concellería de Cultura e Normalización de Cambados tiña pensado programar ademais un concerto musical e unha lectura pública de poemas para festexar a efeméride do 24 de febreiro.

A Estrada

A Asociación Cultural “Vagalumes” conmemora o día de Rosalía cunha celebración virtual nas redes.
Debido ás restricións sanitarias por mor da pandemia que estamos a sufrir, a conmemoración do Día de Rosalía trasladámola ás redes sociais, mantendo o mesmo fin de lembrar a nosa poeta e todos os valores de rebeldía, amor á Terra, compromiso coas emancipacións e celebración da vida que ela representa. E moitas cousas máis das que nos gustaría que nos falases ti para encher un minuto co tema que desexes sobre esta escritora que tanto nos di cos seus versos.
Pedímosche que graves unha intervención de menos de 60 segundos e que a envíes a este correo: redaccion@tabeirosmontes.com, até o venres 19 de febreiro, co fin de publicar nas redes sociais e na web www.tabeirosmontes.com o día 24 todas as achegas. Estas actividades rematarán coa lectura do manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ás 20:00 h. a través das canles virtuais da A. C. Vagalumes.
Suxerímosche unha listaxe de temas aos que ti podes engadir o que desexes:
1. Rosalía voz dos padeceres do pobo galego.
2. Rosalía feminista
3. Rosalía rebelde
4. Rosalía na literatura actual
5. A nena Rosalía
6. Campás de Bastavales
7. Rosalía, escritora fundacional da nosa literatura
8. Rosalía, a xustiza e a dignidade
9. Rosalía e a defensa da natureza
10. As primeiras obras
11. Rosalía, actriz
12. Amor a Galicia
13. A emigración
14. Rosalía en Compostela
15. Rosalía en Madrid
16. Rosalía e Murguía
15. O amor en Rosalía
17. Rosalía e o mar
18. Rosalía escritora popular
19. Morte de Rosalía
20. Traslado a Bonaval.
21. Rosalía incomprendida

Moaña

Publicidad

Los comentarios se han cerrado.

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×