Concierto Moura en Pontevedra
Non é sinxelo explicar o de Møura. Por aí adiante falouse de "experiencia lisérxica pangalaica, catarse cósmica e druídica", unha definición que é tan críptica como precisa. Os seus compoñentes beben de fontes diversas que van dende a psiquedelia sesenteira ata o folk galego pasando polo blues máis seminal ou o rock clásico. Cortes longos, intensos e sinuosos que por momentos poden lembrar polo que teñen de mántrico ós nosos vellos amigos de Guerrera (o 50% da súa formación milita agora en Møura) sen renunciaren a unha moi singular personalidade propia.