Noticias de Hoy
peza do mes
Localidad: Ourense
Fecha: 01/06/2018 a 01/07/2018
Horario: 01:00 a 01:00

Peza do mes en Ourense: Oito escudos. Carlos II

Peza do mes en Ourense: Oito escudos. Carlos II

A peza que presentamos –oito escudos de ouro de
Carlos II, tamén coñecidos como onza ou dobróns
de a oito–, apareceu no transcurso dos traballos
arqueolóxicos realizados na parroquial de Santa
Mariña, máis coñecida como Igrexa Vella, situada
na zona antiga, na localidade de Xinzo de Limia,
cabeceira da bisbarra.

A intervención arqueolóxica dirixida por Xusto
Rodríguez (novembro 1995 - febreiro 1996), veu
motivada polos traballos de consolidación, drenaxe
e pavimentación da igrexa e do adro coa intención de
recuperala para o culto, perdido a raíz da construción
da Igrexa Nova. Estas escavacións poñen ao
descuberto unha serie de espazos e estruturas que
van contribuír a un mellor coñecemento da historia
antiga de Xinzo e do seu trazado urbano, ao tempo
que engadiron un novo valor patrimonial ao edificio.
Segundo o citado arqueólogo, o nivel arqueolóxico
máis antigo documentado corresponde ao mundo
altoimperial, datado dende comezos dos Flavios ata
mediados do século II d. C. Esta cronoloxía aparece
definida, fundamentalmente, por grandes cuncas
de terra sigillata hispánica da forma Drag. 29, por
gobeletes globulares e por cerámica de paredes finas,
decoradas con barbotina, correspondente á forma
Mayet XLIV. Xa nos séculos III - IV d. C., a eses niveis

vaise superpor unha domus urbana, cunha orientación
que vai perdurar nas estruturas dos quinteiros, rúas e
límites dos predios do Xinzo medieval e moderno. Sobre
este xacemento romano, arrasado, vaise asentar unha
necrópole tardorromana e, paseniñamente, outros
elementos construtivos cunha secuencia histórica que
permite facer un percorrido dende a Alta Idade Media
ata o momento actual. A pequena igrexa construída
no século IX-X, dunha soa nave con cabeceira en
planta de ferradura, que reutiliza perpiaños de clara
labra romana nos seus paramentos, será ampliada
no século XII cara ao noroeste, construíndose entón
a portada románica que hoxe coñecemos. A esta
igrexa románica corresponderá unha necrópole con
sepulturas delimitadas tanto mediante laxas dispostas
en arco de paréntese, como simples fosas de terra.
Novamente no século XVI, segundo consta no Libro
de Visitas de 1595, a igrexa resultaba pequena, baixa
e moi mal axeitada polo que se ordena a construción
doutra máis ancha, grande e espazosa semellante á
próxima de Santo Estevo de Sandiás. É entón, cando
o edificio adquire as dimensións actuais da nave, máis
baixa no presbiterio e cuberta de cruzaría. De novo
en 1628, este edificio coñecerá novas modificacións
construtivas con engadidos de capelas no lateral
norte, o que obrigará a unha nova pavimentación.
Pero as reformas máis importantes parecen ser, sen
dúbida, as efectuadas ao redor do ano 1650, cando se
constrúen as fosas de enterramento que conforman
o nivel de chan actual, o que obrigará a modificar
Localización do féretro na ábsida da Igrexa Vella. Xinzo de Limia

de novo todo o pavimento; nichos funerarios de tipo
familiar onde se documentan sucesivos niveis de
enterramento e reenterramentos, con restos humanos
correspondentes tanto a individuos adultos como
infantís, que nalgúns casos aínda conservan restos
de calzado realizado con coiro de moi boa calidade.
Con estes restos aparece asociada, como é frecuente
nesta época, cerámica vidrada melada, Talavera da
serie tricolor e moedas que nos sitúan no reinado dos
Austrias, entre as que destaca esta moeda que hoxe
damos a coñecer.
Oito escudos de ouro de Carlos II
Anverso: CA[ROLVS II] D G
Escudo coroado coas armas de Castela, León,
Granada, Aragón, Sicilia, Austria, antigo e
moderno de Borgoña, Brabante, Flandes e Tirol.
Á dereita, no campo, marca de ceca, S; debaixo
M, marca do ensaiador.
Reverso: HISPANIA[RVM REX] 1673
Cruz de Xerusalén cantonada, en cada cuartel
unha flor de lis, dentro de orla de catro lóbulos.
Gráfila de puntos.
Diámetro máximo 3,8 mm; Peso = 27,1 gr; Posición
de cuños: 5,4 h.
Como indica a súa marca de ceca, foi cuñada en
Sevilla e como todas as mal chamadas macuquinas,
foi cuñada a martelo, cunha técnica pouco coidada,
pero respectando talla e lei e sen mingua, como
fixa o seu peso. O encargado de velar pola súa lei
e autenticidade foi o ensaiador Manuel Duarte,
nomeado pola propietaria do oficio de ensaiador,
dona Antonia Guzmán, condesa de Luna, para
exercer na Casa da Moeda de Sevilla desde 1651 a
1676, ano do seu falecemento.

Foi depositada de maneira intencionada no lado
dereito dun cadaleito de madeira, como enxoval,
na sepultura 161/SM 6; situado por debaixo do
altar maior, na ábsida, no lado do Evanxeo, nun
lugar preeminente; cunha dirección oeste-este,
sendo a única delas que está mirando cara os fieis.
A persoa enterrada debeu gozar polo tanto dun
alto estatus, posiblemente relacionada cunha alta
dignidade eclesiástica, e dende logo, con diñeiro.
Sirva como exemplo que, cunha onza, a finais do
século XVIII, alugábase un piso no centro de Madrid
por un ano. Corría o vellón, pero o ouro era un ben
escaso. Tanto as moedas de oito escudos como
as de oito reais eran utilizadas habitualmente para
grandes pagamentos estatais, gastos de guerra ou
débedas, comercio a grande escala tanto interior
como exterior, ou para pagamentos de impostos,

pero non era diñeiro de uso corrente; polo que a súa
deposición intencionada como enxoval resulta un
tanto singular. Non é o máis común. As inhumacións
cristiás non adoitan ir acompañadas de obxectos tan
ricos e profanos; o que suxire moitos interrogantes
sobre a personalidade do finado.
O escudo recibe o seu nome por ter no anverso un
escudo; símbolo suficiente para recoñecer o poder
dos Austrias no século XVI, en todo o mundo. Foi
creado en 1535, con valor de oito escudos e peso
entre 26/27 g por Real Cédula do 30 de maio, asinada
en Barcelona. Nela ordénase a labra desta nova
moeda para financiar a expedición do emperador
Carlos I a Túnez, limitando a súa circulación aos
territorios polos que a expedición transcorrese.
Para esta cuñación masiva trouxéronse á Cidade
Condal monederos de todos os recunchos do reino,
utilizándose para tal fin tanto o ouro procedente do
rescate de Atahualpa, como o rescate dos príncipes
de Francia, pagado por Francisco I. Aínda que non
será ata 1537, nas Cortes de Valladolid, cando se
introduza a nova unidade de sistema de ouro castelá,
e se fixará a súa lei en 22 quilates de ouro, un 91,66 %
de finura e un valor de 350 marabedís. O título e
o peso da moeda castelá de ouro non se volverán
alterar ata as reformas levadas a cabo pola Casa
de Borbón, aínda que o seu valor nominal pasou en
1566, durante o reinado de Filipe II, a 400 marabedís,
en 1609; no de Filipe III, a 440, e foise readecuando
posteriormente. Así mesmo, a súa tipoloxía non se
alterará ata mediados do século XVIII.

Malia os moitos problemas de minguas, falsificacións
e irregularidades, este valor, debido á pureza do metal,
chegou a alcanzar enorme difusión e gran prestixio.
A súa lei mantívose alta e sen cambios, en contraste
coas moedas europeas, que durante o século
XVII foron diminuíndo a súa lei e ata viron alterado
arbitrariamente o seu valor; o mercado estranxeiro
que obtiña pesos ou onzas españolas, dispoñía
para os seus negocios en Europa ou en Asia dunha
moeda especialmente estable, rica e forte; e pese aos
seus cortes e raspaduras, o valor intrínseco tiña con
frecuencia maior valor que moitas outras moedas do
mundo, polo que se fundiron e recuñaron en grandes
cantidades en diversos países europeos e, nalgún
deles, chegaría a ter curso legal. Especialmente o
múltiplo de oito escudos. Foi o noso produto máis
exportable e prezado en todo o mundo. Baste dicir, que
recentemente, o Museo Británico elixiu esta moeda e
o seu valor como unha das cen pezas fundamentais
para explicar a historia da humanidade.