Noticias de Hoy
musicas de sofa
Fecha: 02/08/2019 a 03/08/2019
Horario: 01:00 a 01:00

Músicas de Sofá 2019 en O Carballiño

Músicas de Sofá 2019 en O Carballiño.

Os días 2 e 3 de agosto as rúas do Carballiño acollerán a celebración da 5º edición do Ciclo de Músicas de Sofá, un formato de festival que cambia os grandes escenarios por pequenos salóns en plena rúa, presididos por un sofá que sitúa a músicos e espectadores ao mesmo nivel. Neste evento achégase una boa variedade de estilos musicais.

Músicas de Sofá, organizado co apoio do Concello do Carballiño e a Asociación Musical Cultural O Tambor Colectivo, "busca crear espazos de achegamento e contacto directo coas bandas e músicos a través de escenarios a pé de rúa" relatan Anaïs Barbier e Pedro Álvarez, coordinadores do festival. "A través da recreación de salóns nas rúas do centro da vila con elementos comúns como sofás, mesas, lámpadas e decoración, procúrase que as persoas se sintan cómodas coa música en directo e a vivan como se estivesen na súa casa", sinalan.

A calidade musical, unida á estética vintage dos escenarios e á accesibilidade dos mesmos, fan deste festival algo único. Por iso xa é cita consolidada de referencia no territorio galego. Este 5º ciclo de Músicas de sofá ten como obxectivo achegar unha gran variedade de estilos musicais aos máis de 500.000 visitantes que se esperan neste 2019 durante as dúas semanas que preceden á celebración da Festa do Pulpo no Carballiño.

Cinco referentes do panorama musical actual underground
Nesta edición o festival conta cun total de cinco grupos, referentes nos seus estilos dentro do panorama musical underground actual. Trátase de Lúa, a Orquestra Galicia Fiddle, Luca Argel, Cró e Mounqup. Ademais, durante os dous días haberá dous salóns destinados aos djs, unha aposta por este estilo de música que a organización ven facendo dende os comezos. Serán Mars Attack e Nu.Eva.

Este ano a cita cultural conta con varias novidades interesantes. É a edición máis internacional, xa que contan con bandas de Brasil e Francia. Ademais, “é o primeiro ano que se inclúe no cartel do evento a música electrónica, e facémolo a lo grande con Mounqup, unha artista francesa que ven de tocar en festivais por toda a península”, argumenta Barbier. Tamén dende a organización salientan a Orquesta folk de cordas Galicia Fiddel como unha aposta importante, xa que é unha banda formada por nenas e nenos de entre os 12 e os 18 anos.

Coma en nos anteriores, as bandas que participan no ciclo foron seleccionadas en base a dous criterios: a calidade musical e a non pertenza dos grupos aos circuítos de grandes festivais que se están a dar a día de hoxe. "Os grupos escollidos representan unha gran parte da escena underground actual" salienta a coordinación do festival.

Para levar a cabo o festival tamén se conta coa colaboración da Deputación de Ourense, a Librería Escolma e o Hotel restaurante Derby, do Carballiño, e O Reberete artesanía.


Horarios V ciclo Músicas de sofá (O Carballiño)

Venres, 2 de agosto de 2019
22:30h Lúa – (Bretagne / FR) – Praza Maior
00.00h Mars Attack (Dj set) - Praza Aquilino Sánchez

Sábado, 3 de agosto de 2019
20.00h Orquestra Galicia Fiddle (Vigo) – Praza Maior
20:45h Luca Argel (Brasil/Portugal) – Rúa Aldara
21:30h Nu.Eva (Dj set) – Rúa principal
23.00h Cró! (Vigo) – Rúa Curros Enríquez
00:30h Mounqup (FR / GZ) – Praza Maior