Noticias de Hoy
Espadas modernas. Siglos XVII al XX
Fecha: 11/06/2014 a 13/07/2014
Horario: 01:00 a 01:00

Espadas modernas. Siglos XVII al XX

Espadas modernas. Siglos XVII al XX.

A colección de armas, formada ao compás dos primeiros anos do Museo polos membros da Comisión de Monumentos, mostra, unha vez máis, a diversidade das súas coleccións e a evolución dos gustos á hora de crealas. As xenerosas doazóns de particulares e, ocasionalmente, de institucións permitiu ir reunindo un conxunto de armamento fundamentalmente de orixe española, das que facemos unha pequena selección das máis representativas.

A peza máis interesante é unha espada roupeira de finais do século XVII, do final da dinastía dos Austrias. É a época de decadencia do imperio, e da evolución dos terzos cara a un exército máis moderno no que a pica xa no ten lugar no campo de batalla. É un tipo espada ben definido dende as súas primeiras aparicións documentais tanto en España, na «Relación de los inventarios que se ficieron en los bienes inmuebles que tenía el duque Don Álvaro de Zúñiga en 1468», como en Francia, anos máis tarde, aparecendo baixo a denominación de rapière. Este nome comeza a se utilizar debido ao novo papel da espada, que pasa a formar parte da indumentaria civil do home distinguido.

Trátase de espadas que tenden a ter unha morfoloxía característica, con folla delgada, longa e puntiaguda e con dobre fío. Esta morfoloxía está condicionada por, e pola súa vez condiciona, un maior uso da punta o que, pola súa vez, está relacionado co seu papel como arma de defensa civil.

A arma que nos ocupa é unha espada con gornición de cunca, gabiáns e gardamán, todos de aceiro. A folla desta espada foi fabricada en Solingen, Alemaña, característica común, xunto coa morfoloxía do pomo e a da folla mesma, á doutras pezas da época como as que podemos atopar noutros museos españois, coma o Museo de Artes e Costumes Populares de Sevilla, que ten varias pezas de características moi similares. Trátase, polas súas dimensións, dunha espada de marca, é dicir, que cumpre de maneira exacta coa lexislación da época, que indicaba a lonxitude máxima das espadas deste tipo (folla de 5/4 de vara castelá e uns 105 cm, dende a punta ate a cruz) para que fosen consideradas legais e puidesen ser levadas pola rúa sen ter problemas coa xustiza. O feito de que existise unha lexislación específica que limitaba a lonxitude das espadas indica que había tendencia a portar espadas de folla moi longa (tanto como 120 cm), armas consideradas «de vantaxe» polo seu maior alcance e porque con elas se podían utilizar trucos sucios propios de «valentóns», matóns, no argot da época, coma pintar con betume o derradeiro palmo de folla para que non se vira nas rúas escuras e mal iluminadas do Século de Ouro.

O grupo de espadas mellor representado da colección son as que pertencen ao período das Guerras de Coalición (1792-1815), que abarcan basicamente as guerras contra Francia, tanto a revolucionaria como a do período de goberno napoleónico.

Este grupo de espadas é relativamente fácil de datar, unhas pola data de fábrica que aparece gravada nas súas follas e outras polo modelo en si. As pezas deste período son as seguintes: Espada de cabalaría gornecida con cunchas simétricas de latón dourado, gardamán e tres gabiáns, agora desaparecidos. A folla é de dobre fío, sección ovalada e sen marcas distintivas, o que indica que pertenceu a un oficial.

Espada de boca de cabalo (gornición formada por dúas cunchas desiguais) con dous gabiáns e gardamán. A folla ten seis mesas, é longa e de dobre fío. Na base da folla ten a inscrición «C. T: 1797» a un lado e «R C IV» ao outro. Espada de infantaría con garda de cunca de latón con dobre gardamán e gabián intermedio. A folla é curta, dun só fío no primeiro terzo e a seis mesas e Espada Nimcha. Empuñadura dobre fío no resto. Ten gravado «Y Tº 1797» nun lado e «R C IV» no outro.

Espada de montar con garda de cunca de ferro con dobre gardamán, gabian intermedio e anel de gardamonte. A folla é longa, de dobre fío e a seis mesas. Esta peza é moi curiosa xa que, aínda que as inscricións da folla «Cª 1808 Tdo» nun lado e «Fdo VII» no outro indican que se trata da espada dunha unidade de cabalaría de liña, a súa morfoloxía (gardamán, características da folla...) é a dunha espada dos rexementos de dragóns. Esta peza saíu da fábrica de Toledo no ano 1808, polo tanto foi unha arma forxada para a Guerra de Independencia. Non é desatinado pensar que a pesar da orixe incerta das
espadas, puido pertencer a algún xinete do Exército da Esquerda comandado polo Marqués da Romana (que operou en Galicia e Asturias) que, ao licenciarse, conservara a arma. Sabre de gornición «á turca», con gabiáns triangulares que se estreitan cara aos extremos, e empuñadura óso ao estilo oriental. A folla é curva, dun só fío e cunha ampla acanaladura, agás na zona máis próxima á punta. Esta peza deixa unha pouca máis de liberdade para realizar hipóteses. A orixe destes sabres está na expedición francesa a Exipto, onde os oficiais decidiron facer as súas armas á exótica moda do lugar.

A pesar da súa orixe foránea, e non estar regulamentado ata 1840 no exército español, os oficiais podían posuílo como equipamento persoal. Este punto permítenos formular dúas hipóteses: por un lado temos unha orixe española, un oficial que a mandou facer ao seu gusto. Pola outra banda, podería ter unha orixe estranxeira, xa sexa como botín de guerra, sexa de orixe inglesa (non hai que esquecer a retirada de Sir Moore no inverno de 1809) ou francés. Tamén podería tratarse do agasallo dun oficial dalgunha destas dúas nacións.

As dúas últimas espadas deste grupo tamén puideron verse implicadas na Guerra de Independencia española, co que serían coetáneas das dúas que describiremos a continuación. De usarse en Galicia, estas armas posiblemente entrasen en acción na mesma provincia de Ourense, onde a defensa contra o francés foi moi forte e sacrificada, como nas accións de Xinzo de Limia no 1809.

Por último, de finais do século XIX ou primeiros do XX, unha época especialmente axitada da nosa historia, enchida de guerras civís (Guerras Carlistas),
de independencia dos territorios de ultramar (Cuba e Filipinas) e enfrontamento con outras potencias (EUA e o sultanato de Marrocos), o Museo conta cunha serie de armas brancas que presentamos a continuación e que ben puideron participar, no seu conxunto, na maioría dos escenarios militares da época, coa excepción da espada de cinguir que, ao tratarse dunha arma de parada, non podemos situar directamente nos enfrontamentos militares acaecidos +Info en la web: www.musarqourense.xunta.es