Noticias de Hoy
1foto2
Fecha: 24/01/2021

Roteiros Augas Vivas polo Miño e Sil

Lugo.

O vindeiro domingo 20 de decembro, continuamos coa  programación de roteiros baixo o título Augas Vivas, as bacías do Miño e do Sil. Nun trazado duns 8  Km, e cunha dificultade baixa, seguiremos o trazado dos cursos fluviais e revisaremos os proxectos  que os ameazan.  

Comezaremos no Centro de Cestería no Rato, e coñeceremos algunhas das carballeiras e camiños  tradicionais que aínda se manteñen na cidade, pero que obras, como a construción da Ronda Leste ou  o proxecto de ADIF de eliminar os pasos a nivel poden destruílos. Chegaremos ao núcleo de Bosende  e dende alí baixaremos novamente ata o Rato, ata a súa confluencia co Miño.  

Xa no paseo do río Miño, faremos unha revisión das obras que o Concello de Lugo pretende como  son a praia fluvial, as piscinas de auga quente exteriores, as Saamasas, ou a actual situación da fábrica  da luz. Finalizaremos o roteiro no parque do Miño, na altura do Pazo de Feiras e Exposicións.  

Para previr a propagación da COVID-19 limitarase as prazas a 12 persoas (faranse dous grupos de 6)  e será necesario manter a distancia de seguridade de 1,5m (en todas as direccións) cas persoas non  convivintes. O uso de máscara é obrigatoria durante toda a xornada.  

Programa de roteiros de ADEGA Lugo "Augas Vivas. As bacías do Minho e do Sil"  

  • 24 de xaneiro; A loita por un río (Sarria)  
  • 21 de febreiro: As augas mansas (Begonte)  
  • 21 de marzo: A mestura das augas (Os Peares)  

Na propia web de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase  actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar as reservas.  

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva  dispoñible na web, antes das 14:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de  inscrición.  

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que  os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando,  en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.  

Os roteiros serán de xornada completa. Recoméndase ás participantes levar roupa e calzado  axeitados e viandas para o camiño. Será preciso cumprir co protocolo para evitar a propagación da  COVID.  

Para máis información, tamén se pode chamar aos teléfonos 982 240 299 / 677 800 293 ou escribindo a  adegalugo@adega.gal.