Noticias de Hoy
Prmio
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 28/11/2013 a 31/12/2013

I Premio Galicia de Fotografia Contemporánea

 

Este xoves, 28 de novembro, ás 20:00 horas, ten lugar na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo o acto de inauguración da exposición “I Premio Galicia de Fotografia Contemporánea” convocado pola Fundación Benito Losada co patrocinio da consellería de Cultura e da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo. As obras premiadas e/ou seleccioandas neste certame, que suman 30 pezas fotográficas (10 delas panorámicas), amósanse ao público nesta exposición que dá inicio a unha itinerancia nesta sala, e que continuará durante 5 anos por diferentes localidades.

POSESIÓNS PARA O ESQUECEMENTO (Daniel Díaz Trigo)

O proxecto “Posesións para un esquecemento", unha obra a cabalo entre o conceptual e o documental” foi a escollida polo xurado para outorgarlle o I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea.
O premio ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento.
Alén diso, pretende promover a creación dun espazo fotográfico no noso País que complemente o creado durante máis de tres décadas polo Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autores/as tanto nacionais como estranxeiros.
O I PREMIO GALICIA DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA está dotado con 16.000 euros, o que fai que sexa o premio fotográfico mellor dotado da península. Asemade, o premio vai máis alá de agasallar cun montante económico a un autor/a, senón que está prantexado para crear un produto cultural que valore o proxecto, que publicite ao autor e que revalorice a creación artística galega. Polo que se concedeu un único premio consistente na produción dunha exposición que itinerará durante cinco anos e na publicación dun libro.
A convocatoria foi secundada por autoras e autores de 10 países, con proxectos de grande calidade, polo que ao xurado foilles complicado chegar a quedarse cos de Antonio López Losada, Daniel Díaz Trigo e Jose Rodríguez Romay, que foron os tres finalistas.
O xurado estivo composto por Manuel Sendón, catedrático de fotografía na Facultade de BB.AA. de Pontevedra e co-director do CEF; Manuel Vilariño, Premio Nacional de fotografía do estado español; Ângela Mendes Ferreira, directora dos Encontros da Imagem; Xosé Lois Vázquez, Director do Outono Fotográfico; Vítor Nieves, Coordinador da Sección Oficial do Outono Fotográfico e do Premio, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo e Mercedes Gallego, Xefa Territorial de Cultura, Educación e Ordenación universitaria en Ourense.
Daniel Díaz Trigo, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, acadou a unanimidade en canto a ser o proxecto mellor presentado e que reunía os requisitos que buscaba o xurado para un premio deste nivel. “Posesións para un esquecemento” é un proxecto no que Díaz Trigo leva traballando sete anos. Nel mestura o peso documental implícito desde o nacemento da fotografía, coa plasticidade e conceptualidade que o medio acadou co paso ao eido das grandes artes. O proxecto pretende pór de manifesto unha harmónica conxunción entre memoria colectiva e íntima, un paseo pausado polas lembranzas e o esquecemento, mais tamén polo seu territorio, acoutado nuns poucos quilómetros. O autor presenta o resultado da teima pola compilación de lembranzas que materializa en forma fotográfica para que non sufran o abandono na memoria persoal, e no maxín colectivo e institucional.
Web: www.museolugo.org