Exposición fotográfica Auga. Ou sangue da terra en Castro de Ribeiras de Lea

Fecha 6-04-2021 a 30-04-2021
Lugar
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

 A Antiga Biblioteca de Castro de Ribeiras de Lea acolle desde o martes 6 de abril, a exposición fotográfica «Auga. Ou sangue da terra», de Manuel Valcárcel, unha iniciativa posible grazas á colaboración entre o Concello de Castro de Rei, ABANCA e Afundación. A mostra, de entrada libre e gratuíta, permanecerá aberta ao público ata o próximo 30 de abril, de luns a venres de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h. No acto de inauguración de hoxe estiveron o alcalde, Francisco Javier Balado Teijeiro; o tenente de alcalde, Roberto Lorenzo; o coordinador de Negocio Institucional de ABANCA en Lugo, Óscar Rodríguez; Zaira da Pena, directora de Zona Lugo Oeste de ABANCA; Joaquín Mouriz, director da oficina de ABANCA en Castro de Rei; e a coordinadora institucional de Afundación para Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano.

Esta proposta é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

A EXPOSICIÓN «AUGA. O SANGUE DA TERRA»

«Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.

As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.

«A auga e a vida» conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que é parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.

«Vivindo na escaseza» é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×