Online.
O colectivo Egeria ven de poñer en funcionamento a web www.manoloregueiro.gal, en homenaxe ao profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que faleceu a mediados do ano 2019, despois de promover a homenaxe que Lugo e os antigos alumnos do profesor Antonio Fraguas e Fraguas lle renderon ao escritor co gallo de serlle dedicado o Día das Letras daquel ano.
A web recolle un total de 79 intervencións sobre o profesor Regueiro Tenreiro, que constitúen unha visión conxunta da traxectoria vital e da obra deste filósofo que naceu en Perbes-Miño (A Coruña) en 1943, estudou en Compostela e Salamanca, foi profesor de Filosofía en Salamanca, Vilalba e Lugo, e desempeñou durante once anos a Dirección xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Precisamente é a Xunta de Galicia, a través do órgano que na actualidade ostenta a función de promoción da lingua galega (Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), quen apoia a publicación desta web na que participan antigos compañeiros de estudos do profesor, profesores de filosofía, lingüistas, antigos compañeiros na súa etapa da Xunta de Galicia, así como amigos moi próximos e os membros máis directos da súa familia.
A web ten carácter aberto, coa posibilidade de incrementar os seus contidos con novas achegas de colaboradores, así como as obras publicadas polo profesor homenaxeado no decurso da súa frutífera vida.