A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou na Capela de Santa María a exposición Unha insua para Díaz Castro, exposición coa que a Deputación de Lugo conmemora o Día das Letras Galegas. A mostra, que se inaugura mañá, supón unha intensa e orixinal revisión do universo creativo do poeta guitiricense a través de diferentes disciplinas artísticas, como a escultura en diversos materiais, a danza, a fotografía ou a vídeo-instalación.
Polín, que durante o acto estivo acompañada pola comisaria da mostra, Cristina de la Torre, destacou “a inmensa satisfación” que supón que a Capela ó “poeta guitiricense, o poeta de Lugo, que agora tamén é poeta de todos os galegos”, por ser este o ano no que se cumple o centenario do seu nacemento e “merecidamente, pasará a formar parte do pavillón de autores homenaxeados no Día das Letras Galegas”. A Deputada tamén destacou que, máis que unha exposición sobre a dimensión literaria ou biográfica do poeta, Unha insua para Díaz Castro é “unha invitación a entrar na conciencia do poeta, no seu universo creativo”.
O universo creativo de Díaz Castro
Unha insua para Díaz Castro recolle ducias de pezas repartidas en oito módulos, que mestura artesanía, danza, instalacións audiovisuais e fotografías, para ofrecer “unha mirada peculiar sobre o universo do autor”, tal e como destacou a comisaria da mostra.
O obxectivo das obras presentes na Capela é transmitir ó espectador unha visión o máis precisa posible sobre a obra e a figura de Díaz Castro, así como sobre a contorna, en concreto a Terra Chá, e o contexto no que esta obra foi creada. Trátase dunha mostra colaborativa, xa que nela se inclúen obras audiovisuais, textos e sons procedentes de diferentes arquivos, cedidos especialmente para a ocasión. De feito, a totalidade das fotografías do arquivo persoal do poeta son reproducións cedidas, co consentimento da Editorial Galaxia e dos familiares do poeta, polo responsable da Asociación Xermolos, Alfonso Torrado Blanco, depositario do seu legado.
Unha insua para Díaz Castro tamén contou coa colaboración de Marcos Ladra, artesán da madeira, e Ramón Villar, canteiro, que realizaron pezas creadas especialmente para a mostra, así como da bailarina e coreógrafa Rut Balbís, protagonista dunha vídeo-danza exhibida na exposición e que terá un papel destacado na inauguración da mostra.
Horarios da exposición
A mostra que se inaugurará mañá 13 de maio ás 18:30 horas, permanecerá dúas semanas na Capela de Santa María, para trasladarse posteriormente ó Pavillón 4 do propio Centrad, no que ocupará permanentemente o espazo expositivo do Obradoiro do Libro. Os horarios da Capela son os habituais: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. Unha vez instalada no Obradoiro do Libro, os horarios serán os do propio Centrad: de luns a venres, en horario ininterrompido de 9:00 a 19:00 horas. A entrada é libre e gratuíta.